Iniciada a licitación do estudo de mercado residencial para sistematizar datos e definir o futuro da vivenda en Pontevedra
Pontevedra, 4 de decembro de 2025.O Concello de Pontevedra, co obxectivo de obter unha "visión real e actual" da situación residencial, aprobou en Xunta de Goberno Local a licitación do expediente de contratación do estudo de mercado residencial no municipio, tal e como deu conta o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Este estudo “complexo e completo” procurará xuntar e contrastar a información dispersa existente sobre as vivendas turísticas e a edificabilidade actual no territorio.
O expediente de contratación sae a licitación cun custo de 96.800 euros e cun prazo de execución estimado de 9 meses, a partir da sinatura do contrato.
O estudo de mercado residencial abordará múltiples eidos co fin de conseguir datos actuais sistematizados e contrastados para a toma de calquera decisión no futuro:
- Edificabilidade actual e futura: Analizarase o estudo actual da edificabilidade que ten o planeamento vixente e as posibilidades que este ten sen modificar. Tamén se determinará cantas vivendas se poderían construír nun hipotético novo planeamento baixo o regulamento da Lei do Solo de Galiza de 2016, que se considera "moi restritiva".
- Mercado e prezos: Proporcionarase unha foto fixa da cuestión residencial, incluíndo unha análise dos prezos comparativamente con outras cidades.
- Capacidade adquisitiva e zonas tensionadas: O estudo afondará en quen compra a vivenda e cal é a capacidade adquisitiva da poboación. Isto é fundamental para saber se Pontevedra debe ser considerada unha zona tensionada, en caso de que os prezos estean moi por enriba da capacidade adquisitiva das persoas.
- Outros factores: O informe tamén incluirá unha visión da relación entre vivenda pública sobre a privada e a análise do mercado no centro histórico.
Os resultados deste traballo servirán de base para que o Concello poida tomar decisións en consecuencia respecto ao futuro do urbanismo residencial, incluídas as relacionadas coas vivendas turísticas.