“Nadal no Mercado” ofrece ocio aberto ao público, música e encontros culturais na Praza de Abastos

“Nadal no Mercado” ofrece ocio aberto ao público, música e encontros culturais na Praza de Abastos

Pontevedra, 4 de decembro de 2025. O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, botou a andar o “Nadal no Mercado”, a programación especial que fará do primeiro andar da Praza de Abastos un dos escenarios centrais das festas de Nadal na Boa Vila. Durante todo o mes de decembro, este equipamento ofrecerá unha ampla variedade de propostas culturais, creativas e familiares de balde e pensadas para todos os públicos. 

A programación bota a andar este sábado co ciclo “Plántate” no Espazo Gastronómico, unha serie de obradoiros relacionados coa natureza e cunhas Festas compatíbeis coa procura da sostibilidade. As próximas datas son: 

  • 6 de decembro (12.00–13.30 horas): Mini kokedama do Nadal, dirixido a crianzas a partir de 6 anos, que crearán unha kokedama coa Poinsetia galega. 
  • 7 de decembro (12.00-13.30 horas) elaboración de boliñas de arxila con sementes que se poden plantar en testos. Actividade para crianzas a partir dos 6 anos. 
  • 13 de decembro (12.00–13.30 horas): Coroa de Nadal, obradoiro para público xeral no que se elaborará unha coroa decorativa con elementos naturais. 
  • 20 de decembro (12.00–13.30 horas): Decora o teu testo de Nadal, tamén para crianzas a partir de 6 anos, que personalizarán un testo mentres descobren curiosidades da planta de Pascua. 

Amais, o vindeiro 6 de decembro terá lugar tamén no primeiro andar o obradoiro de cerámica para toda a familia (as crianzas teñen que ter máis de 5 anos. Todas as menores de 9 anos deberán ir acompañadas de adultos). Os horarios son de 10.00 a 11.30 horas e de 12.00 a 13.30 horas e as inscricións débense facer a través da seguinte páxina web

E para os pequenos e as pequenas chefs, o Ganapán seguirá a ofrecer obradoiros de cociña para crianzas de 4 a 10 anos tamén durante as Festas. Estes obradoiros continuarán a ter lugar os sábados de decembro en horario de 11.30 a 13.30 horas no primeiro andar e os días 20, 27 de decembro e 3 de xaneiro estarán adicados a estas datas festivas cun menú aínda por desvelar. Este sábado, as crianzas aprenderán a elaborar boliños “preñados” de chourizo e unha manualidade que marabillará a todos e todas porque é un xoguete que se considera o precursor do cinema. Coma sempre, é preciso anotarse a través do enderezo oganapan@gmail.com porque hai un máximo de 16 prazas por xornada. A inscrición pódese realizar a partir dos mércores, co anuncio do obradoiro de cada semana. 

O 18 de decembro, ás 20.00 horas, celebrarase unha nova edición das “Conversas no Primeiro Andar” con expoñentes da creación galega. Nesta ocasión, terá como protagonista a escena musical co cantante Mondra, a técnica de luces Teresa Tresandí e Nuno Pico (vocalista de Grande Amore), conducida polo xornalista Alejandro Espiño. 

Unha das citas máis agardadas e que non podía faltar é a do 24 de decembro ao mediodía, coa visita de Papá Noel e varios obradoiros de Nadal no primeiro andar. A actividade será de balde e poderá participar quen presente un ticket de compra dos comercios da Zona Monumental. 

E a programación no Mercado de Abastos culminará o 31 de decembro coa Festa de Fin de Ano Infantil, un evento do que cada ano gozan máis crianzas: 

  • 11.30 horas: Obradoiro “Crea o teu cotillón”. 
  • 13.00 horas: Sesión musical. 
  • 14.00 horas: As tradicionais badaladas con larpeiradas, que cada ano reúnen máis crianzas. Para esta actividade, cun máximo de 40 crianzas, é necesaria inscrición previa a través do correo nadalnomercado@gmail.com.

Con este conxunto de propostas, o Mercado continúase a consolidar como un equipamento cultural, social e vivo no corazón da cidade. Ao longo do mes desenvolveranse tamén outras actividades infantís previstas no programa xeral de Nadal do Concello a través da seguinte ligazón

“Nadal no Mercado” ofrece ocio aberto ao público, música e encontros culturais na Praza de Abastos