O CENTRO SUR ACOLLE AO ATENEO DE PONTEVEDRA
O Concello entrega un espazo municipal ao Ateneo para que poida continuar coa súa actividade
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Cultura, Demetrio Gómez, fixo entrega das chaves que abren o espazo municipal que será o novo fogar do Ateneo de Pontevedra. O presidente do colectivo cultural, Xaime Toxo, recibiu as chaves dunhas dependencias no Centro Sur sinalando o enorme agradecemento cara ao Concello por facelo posíbel.
«O Ateneo é unha entidade que leva moitísimos anos facendo labores por e para Pontevedra. Forma parte do tecido cultural da Boa Vila a través dunha intensa actividade», indicou o rexedor. «Logo dos problemas que todos coñecemos, o Ateneo non puido manter a súa situación no edificio de Benito Corbal, cuestión que non entendemos e criticamos, pois se hai algunha entidade que teña xustificación á hora de ser acollida alí, esta sería o Ateneo. Botáronos».
Lores explicou que o Concello estudou diversas posibilidades para relocalizar o colectivo, e logo de visitar o Centro Sur, de ter o visto bo do Ateneo, a asociación cultural pasará a ter o seu punto administrativo nestas instalacións. «É un sitio válido, cun salón de actos grande de querer utilizalo... Hoxe facemos entre oficial das chaves e que así poidan entrar e encher de actividade cultural un centro que continúa medrando en dinamismo».
O presidente do Ateneo, Xaime Toxo, entregoulle o seu último libro como agasallo ao rexedor da cidade, indicando que trata «certas cuestións de temas culturais relacionados cun xeito de entender a literatura desde a identidade dunha lingua e dun país, algo que ten que ver, creo eu, co que estamos a facer hoxe aquí».
«A participación cidadá é moi bo sinal de saúde dunha vila. Unha boa vila ten que contar cunha cidadanía dinámica, en alerta, viva. Que esixa, que coñeza os seus dereitos», explicou Toxo. «Nós vemos a cultura como un foro de participación cidadá, un foro da palabra, do debate. Ese é o seu ADN. Crear un espazo onde a palabra sexa o que rexe o pensamento e a actuación».
Críticas á Xunta
O presidente lanzou unha forte crítica á Xunta de Galiza, ao «deixar a unha asociación sen local, tratando dalgunha maneira de enmudecer a un foro onde a palabra é o que rexe, o que sería o máis grave da medida que adoptaron». «Xustificárono con base nunhas regras burocráticas, mais non ten cabida nunha sociedade que funciona democraticamente. Chegados a este punto, cremos que a Xunta non quere contar coa cidadanía, actuando dunha forma soberbia e despótica, e aí quedou en evidencia completamente».
Toxo explicou que «o disimulo» que tentou facer a Goberno autonómico a través da Deputación de Pontevedra e o seu vicepresidente segundo, Rafael Domínguez, «sobre un local inexistente», tamén foi outra demostración clara «de como actúa a Xunta de Galiza coa cidadanía, algo impresentábel». «A convocatoria de reunión que fixeron con nós foi unha convocatoria para vendernos fume, foi o que nos vendeu o vicepresidente da Deputación: só fume».
«Estamos agradecidos ao Concello de Pontevedra de tomar a iniciativa de procurarnos un novo espazo, que chegase a unha resolución positiva, que fose áxil e rápida e que o Ateneo, hoxe, dispoña xa dun local físico onde poder desenvolver os seus labores», finalizou Toxo.