O Concello de Pontevedra buscaralle unha nova vida á Casa do Mar de Mollavao
Pontevedra, 31 de outurbo de 2023. O Concello de Pontevedra estudará o futuro da Casa do Mar de Mollavao, unha vez que se trasladen as actuais consultas a Montecelo, cuxa data está prevista para finais de ano. "Hai que buscar algún tipo de funcionalidade a este edificio e que non suceda que quede abandonado durante determinado tempo", indicou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.
Mosquera explicou que "o concello se porá en contacto co Instituto Social da Mariña -propietario do inmoble- para que nos deixe estudar o espazo e coñecer que previsión teñen eles para este edificio". En casos semellantes, o Instituto chegou a cedelo na súa totalidade para propiciar unha nova actividade, fose do Estado, dun concello ou doutra administración.
"Queremos ver en que estado está, estudar que viabilidade e que posibilidades ten e pensar no seu destino, para así poñelo en marcha nada máis quede libre, evitando eses impasses que adoitan ser terríbeis para este tipo de construcións".
"En ningún caso queremos que este edificio quede sen uso meses ou anos", subliñou Mosquera. "Estudaremos o asunto, valorarémolo, e no caso de verlle un futuro viábel, tentaremos que nolo cedan".