ETIQUETA NEGRA, 11, 12 E 13 DE NOVEMBRO
Pontevedra, epicentro do gourmet galego coa celebración de Etiqueta Negra
Pontevedra, 31 de outubro de 2023. Por sétimo ano, a cidade de Pontevedra volverá a se converter no epicentro do gourmet galego coa celebración da feira profesional Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora. Profesionais, produtores e consumidores daranse cita os días 11, 12 e 13 de novembro no Recinto Feiral da cidade do Lérez co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais, difundir a excelencia dos nosos produtos e saborear Galicia.
Etiqueta Negra é unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran o que comen.
A feira contará coa presenza de máis de oitenta produtores (25 dos cales participarán por primeira vez neste evento), escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a calidade dos seus produtos. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, cervexas e hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, xamóns, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos, propostas veganas... e unha infinidade de delicias que farán gozar o padal.
Moitos destes produtos será posible degustalos tanto na Zona de Catas como na Viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada, na que destaca a presentación de 25 produtos novos.
Para máis información clica aquí