Pontevedra dá os primeiros pasos no desenvolvemento de 2.000 novas vivendas entre a Parda e o Marco
Pontevedra, 15 de maio de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou que ose están a dar os primeiros pasos para desenvolver 2.000 futuras vivendas entre a Parda e o Marco.
“Recibimos, por parte da Xunta de Galiza, unha solicitude conformidade municipal para declaración de interese autonómico de actuacións de creación de solo destinado a vivendas protexidas en Pontevedra”, que estarían situadas nos sectores B-2 e B-5 do planeamento municipal. “Vai desde o cruce de Marco, aproximadamente, até preto de San Amaro”, informou o alcalde.
Trátase dunha área de case 230.000 metros cadrados, que entraría dentro desa declaración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para a posible futura construción de novas vivendas. A vía para logralo pode pasar por distintas opcións, desde expropiacións a acordos cos propietarios actuais das parcelas, á posterior construción de vivenda protexida a través do propio IGVS ou de terceiros (cooperativas, empresas, etcétera). Sexa como for, o desenvolvemento desta área traería consigo a urbanización de toda a zona, o que derivaría, por exemplo, na continuidade da rúa Virxinia Pereira cara a estrada de Pío-Bora.
Fernández Lores explicou que este PIA permite un aumento de edificabilidade na zona —un punto chave—, o que permite un desenvolvemento urbanístico máis ambicioso e cun número maior de vivendas, que se estiman nunhas 2.000. “Por suposto, nós estamos encantados de que se faga ese proxecto e que a Xunta teña interese en levalo a cabo”, sinalou. “Recibida a solicitude, agora nós temos que informar, estamos en contacto coa Xunta desde hai xa tempo, e agora queremos confirmar que estamos de acordo pero que se deberían ter en conta un par de consideracións.
A primeira delas é a inclusión dunha zona a maiores incluída no sector B-2, que no plan inicial non aparece, pero que non debería estar fóra, xa que dificultaría a súa execución no futuro. Doutra banda, estaría a zona verde que xa foi cedida no seu día ao Concello de Pontevedra, e na que se sitúan as hortas urbanas e que pode acoller tamén unha zona de esparexemento para cans. “Eles méteno no PIA, e poden metelo a efectos de pasar un viario, pero non o poden compatibilizar como zona verde porque xa é municipal. Podemos cederlles terreos, pero non pode computalo como tal. Teñen que corrixilo”.
En definitiva, o alcalde amosou a súa satisfacción por estes primeiros pasos á hora de crear unha nova bolsa de vivendas protexidas na cidade, medraría cara o sur da Parda e ao leste das vías do tren. O proxecto, unha vez listo, deberá ser aprobado en pleno.