DARANSE CITA PERTO DE 1000 ESCOLARES

Caldas celebra a súa Festa da Lingua coas Tanxugueiras como madriñas

Presentación da Festa da Lingua
Presentación da Festa da Lingua
Caldas celebra a súa Festa da Lingua coas Tanxugueiras como madriñas

Caldas, 14 de maio de 2025. O Concello de Caldas vai celebrar este venres, 16 de maio, a súa ‘XI Festa da Lingua’ organizada da man de ‘Terras do Umia’, a coordinadora comarcal de equipas de dinamización da lingua de oito centros de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato de Barro, Moraña, Portas e a propia vila termal. Será ás once da mañá na Tafona cun espectáculo escolar aberto ao público no que tamén participarán as Tanxugueiras. 

O Tenente de Alcalde Manuel Fariña e o coordinador da festa, o tamén mestre de música no CEIP San Clemente e integrante de Treixadura, César Longa, presentaron a actividade no Concello de Caldas. Longa explicou que se van xuntar arredor de 1.000 escolares de entre seis e 18 anos cos seus equipos docentes, nunha xornada na que haberá música, cancións, lectura de poesías, microrrelatos e incluso monólogos. Entregaranse tamén os premios dos concursos de creatividade realizados en todos os centros de ensino. 

“A parte máis importante da festa”, ademais do apoio do Concello de Caldas, explicou Longa, é que nesta edición as Tanxugueiras aceptaron ser madriñas da celebración e rematarán o espectáculo cantando e falando coa rapazada. “O noso obxectivo é visibilizar o galego na sociedade, darlle pulo, sobre todo nestes momentos nos que estamos, cando se están a perder unha grande cantidade de falantes na nosa lingua. O obxectivo é poñer en valor o idioma e facernos sentir orgullosos do que temos”, indicou o coordinador. 

Pola súa banda o Tenente de Alcalde e tamén responsable da área municipal de Lingua, Manuel Fariña, asegurou que a festa é unha “oportunidade única” para que nenas, nenos e persoas adultas vexan todo o talento e creatividade que hai no alumnado dos centros de ensino da comarca. “Para o Concello é un orgullo celebrar a edición de 2025 por todo o alto, cunha montaxe como nunca antes se viviu, dándolle todo o protagonismo e pulo posible á lingua galega, que tantos falantes está a perder segundo todos os estudos”, dixo o nacionalista. 

“O galego é unha das nosas principais sinais de identidade. Somos galegas, falamos galego e nunha data tan próxima coma o Día das Letras Galegas, poder celebrar con todos os centros a Festa das Letras énchenos de ledicia e orgullo”, dixo Fariña, para engadir que dende o Concello de Caldas “queremos dar un pequeno empurrón a todas as nenas e nenos para falen en galego e vexan que o galego é unha lingua na que se pode crear, se pode facer música, e facer absolutamente de todo”, subliñou. 

Fariña fixo unha chamada á participación de toda a veciñanza na Festa da Lingua. “Agardamos que veñades todas e todas. Estades todas e todos convidados. Agardamos sexa un dos grandes eventos máis multitudinarios da programación cultural para toda a comarca”, finalizou. 

Caldas celebra a súa Festa da Lingua coas Tanxugueiras como madriñas