Pontevedra candidatarase para acoller a gran final das series mundiais de Triatlón no 2027
O mércores, 20 de marzo, foi constituído o Comité Organizador encargado de coordinar a posta en marcha e celebración do Mundial Multideporte que terá lugar en Pontevedra o vindeiro ano 2025. A simbiose existente entre o triatlón e a cidade do Lérez segue presente e a maquinaria xa está en marcha para repetir unha experiencia inesquecíbel como foi a vivida no ano 2019, cando acolleu este mundial por vez primeira.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, estivo acompañado nesta primeira reunión do Comité Organizador polos representantes do resto de administracións e institucións que o fan posíbel: Concello de Sanxenxo, Xunta de Galiz, Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Triatlón, Federación Española de Triatlón e World Triathlon.
“É sen dúbida positivo que hoxe esteamos aquí, pois é un evento que transcende a cidade Pontevedra e a súa comarca”, sinalou Miguel Anxo Fernández Lores. “É unha cita que moverá milleiros de persoas e nos dará de novo unha proxección inmensa a nivel internacional, ademais de ter unha repercusión económica realmente importante. O orzamento está aínda sen elaborar, agardamos contar con diversos patrocinios tamén privados, mais consideramos que nos veremos sobre os 2,5 millóns de euros, sendo conservadores”.
Doutra banda, alén desta primeira reunión do Comité Organizador, Fernández Lores quixo anunciar que Pontevedra se candidatará como sede para acoller de novo a Gran Final das Series Mundiais do ano 2027. “É unha posibilidade que está sobre a mesa. Non é algo seguro, pero tentaremos que esta cita deportiva volva a Pontevedra logo da gran imaxe que deixamos e o pouso que quedou nas distintas organizacións internacionais e nas e nos triatletas”, sinalou. A Gran Final das Series Mundiais trátase do maior evento de triatlón do mundo e será celebrada este ano en Torremolinos, no 2025 en Wollongong (Australia) e no 2026 en Budapest (Hungría).
A presidenta da World Triathlon, Marisol Casado, expresou o seu agradecemento ao Concello de Pontevedra e ao resto de administracións á hora de poñer en marcha as distintas competicións que acolleu nestes últimos anos, xunto coas que están por vir. “Pontevedra foi e é un exemplo”, sinalou.