Vinte empresas optan a executar a renovación da cuberta do pavillón polideportivo de Santo Antoniño
Barro, 19 de marzo de 2024. O concello de Barro recibiu un total de vinte ofertas de distintas empresas para levar a cabo a execución do proxecto de renovación da cuberta do pavillón polideportivo de Santo Antoniño.
O orzamento total do proxecto ascende a máis de 150.000 euros dos cales o concello xa conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 38.273 euros.
O alcalde, Fernández Abraldes, mostrouse “moi satisfeito co elevado número de empresas interesadas en executar este proxecto, porque nos permitirán realizar un importante aforro económico”. O desexo de Abraldes con este proxecto é que “se cumpran todos os prazos para que neste 2024 poidamos estrear nova cuberta do pavillón”.
O obxectivo do executivo local é desenvolver as obras durante os meses de verán, cando hai menor actividade no pavillón, e o que permitirá que tanto a comunidade educativa como as actividades deportivas se poidan desenvolver con normalidade durante o curso.