Pontevedra acolle o congreso máis importante do sector da papelaría do Estado
Pontevedra, 16 de abril de 2024. Pontevedra acollerá esta fin de semana o DSG Forum 2024, o maior congreso do estado dentro do sector da papelería, todo un referente para os profesionais aos que vai dirixida. “Estamos encantados de poder acoller esta feira por primeira vez e de que escollesen Pontevedra como sede neste 2024”, indicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. “Falamos dunha cita que contará con representantes de distintos países do mundo, e que beneficiará a todos os sectores económicos da nosa cidade”.
Así, o DSG Forum achegará máis de 1.500 persoas profesionais da papelería a través dun cento de expositores que se situarán no Recinto Feiral, con máis de 160 marcas ensinando e presentando os seus produtos. Cómpre indicar que se trata dunha feira profesional, e non está aberta ao público como tal. “De novo, temos unha cita que pon a Pontevedra no mapa e que permite que moita xente coñeza a cidade e goce da mesma, cousa que de seguro así será”.
Cheo absoluto nos hoteis da cidade
Pola súa banda, Rafael Rey, presidente do grupo DistriSantiago, quixo poñer sobre a mesa que a imposibilidade de facer este evento en Santiago de Compostela tal e como se viña facendo nos últimos anos, abriu a posibilidade de procurar novas localizacións, aparecendo Pontevedra cun “recinto extraordinario, unha cidade extraordinaria e un alcalde que nos está a tratar de marabilla”.
“A xente moi ilusionada por vir. Estamos a recibir mensaxes de todo o mundo e contaremos con fabricantes de Alemaña, Italia ou Lituania”, indicou Rey, que afondou nas cifras concretas dunha cita referente no sector: 1.563 participantes xa acreditados, 160 marcas e 10.369 produtos. “Temos todos os hoteis de Pontevedra cheos e tivemos que recorrer a outros da comarca”.