Centos de palilleiras mostrarán a súa arte con motivo do XVI Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra
A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura acollerá o domingo 21 o XVI Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra, unha cita clásica como poucas, que se desenvolverá ao longo de toda a xornada, coas portas abertas entre as 10.00 e as 14.00 e entre as 16.00 e as 19.00 horas.
O Encontro de Palilleiras é unha fermosa e valiosa oportunidade para coñecer un oficio clásico e unha técnica de bordado que garda especial relación co noso país e que nas últimas décadas experimentou unha grande evolución.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que participou na presentación oficial do programa, explicou que este ano a coincidencia cun evento no Recinto Feiral obrigou a modificar o espazo habitual co que contaba a organización do evento, a asociación A Fieitiña. Porén, nas vindeiras edicións, o compromiso do Concello de Pontevedra é recuperar a localización orixinal no Recinto Feiral.
“Quero agradecerlles a súa comprensión, xa que haberá unha redución no número de palilleiras, por iso quero agradecerlles o seu traballo á hora de modificar o programa previsto e lembrarlles que nos anos vindeiros volverán contar co Recinto Feiral para acoller a todas as palilleiras do país que nos visitan”, sinalou. “Animamos a toda a veciñanza de Pontevedra que se achegue ao Pazo e poida ver a arte que realizan as palilleiras”.