O Concello instala tres bolardos extraíbles na rúa Peregrina para evitar o tráfico de paso innecesario cara a glorieta de Compostela
Pontevedra, 12 de abril de 2024. O concello de Pontevedra ven de instalar novos bolardos extraíbles na rúa Peregrina para impedir o tráfico rodado de paso cara a glorieta de Compostela desde a rúa Daniel de la Sota, García Camba ou a mesma Peregrina.
“Sempre estamos estudando que acontece co tráfico e a convivencia peonil en certos sitios”, lembrou o concelleiro. “Se ben na pandemia, coas súas consecuencias, puido haber certa relaxacións con certos vehículos, como poden ser os de reparto, debemos axudar a cortar certas situacións que están enquistadas, que non se solucionan con controis policiais ou o que sexa, polo que cómpre tomar medidas físicas”.
Así, os servizos técnicos do Concello instalaron tres bolardos extraíbeis na rúa Peregrina, pouco despois do cruce entre García Camba, Peregrina e Daniel de la Sota, cara a glorieta de Compostela. “Detectamos, e creo que todo o mundo así o percibe, que entre a praza dos nenos e este cruce pasan unha alta cantidade de furgonetas que utilizan de atallo este tramo”.
As consecuencias desta decisión ao volante, alén de que non estea permitida, son dúas: a rotura habitual de lousetas e os problemas de seguridade que provoca o paso de vehículos nunha rúa non preparada para isto. “Non é de recibo, pois sabemos que moita xente que sae dun portal ou dun comercio xa tivo algún susto”, explicou Mosquera.
“Transitoriamente imos colocar estes tres bolardos extraíbles e tratar de corrixir a situación. Non corrixe a problemática das motos, que seguirán controlándose coa Policía Local, pero é un paso cara o control deste espazo para resolver os problemas de convivencia que se están a dar na zona tal e como pasou antes noutros puntos da cidade”, indicou o concelleiro. “Que vemos que a cousa mellora? Pois os quitamos xa que os condutores saberán que non poden pasar por aí”.