ACTUACIÓN REITERADAMENTE SOLICITADA POLO VECINDARIO, O CONCELLO E O BNG
A piques de rematar a 1ª fase da reforma da estrada vella de Marín
Pontevedra, 25 de outubro de 2023. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co edil de Infraestruturas, César Mosquera, visitou esta mañá as obras da primeira fase de reforma integral da PO-546 ao seu paso por Estribela.
Acompañados polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, alcalde e concelleiro comprobaron os avances dunha obra que rematará, en apenas dúas semanas máis de traballos. A primeira fase da actuación de reforma mudou o aspecto duns 500 metros da rúa Avelino Montero Ríos, contando desde a redonda de acceso ao porto.
A maiores da ampliación das beirarrúas, mudouse o alumeado, foron renovados todos os servizos soterrados da zona, e está contemplado que os tres pasos de peóns deste treito pasen a ser pasos de peóns elevados. Tamén foron instaladas xa novas marquesiñas de autobús e resta por colocar o distinto mobiliario urbano novo da zona e o asfaltado da calzada.
Esta foi unha obra demandada polos veciños e veciñas da zona, polo Concello e polo BNG que á levou en múltiples ocasións ao Parlamento. Unha estrada que non só tiña evidentes problemas de seguridade viaria, senón tamén de accesibilidade. «Chegamos hai un pouco a un compromiso para a recepción desta estrada logo da reforma que se está e que se levará a cabo», indicou o alcalde nacionalista. «Está claro que esta actuación é un antes e un despois na zona, en comparación ao que había anteriormente».
Nas vindeiras semanas continuarase coa reforma da PO-546 nun novo treito, o que une a zona xa reformada co linde marinense. Unha vez finalice esa actuación, quedarán por ser reformados dous treitos no Concello de Marín. Ademais, cóntase con adxudicarse a actuación prevista nos 6,6 quilómetros entre Mollavao e Os Praceres no segundo trimestre do vindeiro ano.