O Concello de Caldas comeza as obras de restauración e reubicación da Fonte da Tafona
Caldas de Reis, 24 de outubro de 2023. A empresa ‘Coto de Uz’ comezará esta mesma semana as obras de restauración e reubicación da Fonte da Tafona en Caldas de Reis coa mellora do seu novo emprazamento no barrio da Ferrería. O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca a rapidez coa que a firma vai iniciar os traballos logo da adxudicación e prevé que a obra teña un rápido avance durante o mes de novembro.
Segundo explica o nacionalista, o plan de traballo da actuación, que ten un orzamento de case 40.000 euros, comezará co adecentamento do espazo no que se instalará de maneira definitiva a fonte, un área na que conflúen a estrada estatal e a provincial á entrada da vila de Caldas e no Camiño de Santiago, preto das igrexas de Santo Tomé e Santa María e a escasos metros do Concello e o Balneario Acuña.
Manuel Fariña: "A creación e posta en valor de espazos de uso común é un dos eixos a seguir neste mandato para cambiar a imaxe de zonas degradadas"
Trátase de eliminar os elementos e materiais impropios e dotar o espazo de calidade urbana. Renovarase o pavimento coa instalación de novas lousas de pedra, instalarase un novo banco de máis de cinco metros de lonxitude ademais de vexetación, creando un espazo para a reunión da veciñanza. Tamén se instalará unha placa conmemorativa na memoria da veciña que cedeu o terreo. Explica Manuel Fariña que a creación e posta en valor de espazos de uso común é un dos eixos a seguir neste mandato para cambiar a imaxe de zonas degradadas.
Unha vez estean adiantados os traballos da nova contorna, iniciaranse as labores de recuperación da propia fonte, que nestes momentos se atopa localizada no paseo da Tafona ao borde do paseo fluvial do río Umia, onde foi trasladada na década dos 90 desde a súa anterior ubicación no barrio da Ferrería.