REUNIÓN LORES-RUEDA

Rueda recúa e a Xunta estudará a creación da variante de Alba, a ampliación do Campiño e a recuperación da xunqueira da Gándara

Reunión Lores-Rueda
Reunión Lores-Rueda
Rueda recúa e a Xunta estudará a creación da variante de Alba, a ampliación do Campiño e a recuperación da xunqueira da Gándara

Pontevedra, 24 de outubro de 2024. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo o luns, 23 de outubro un encontro co presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda para abordar as necesidades de Pontevedra. Na reunión, que tivo lugar nun ambiente cordial e institucional, participaron tamén o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Dentro dos asuntos tratados está a variante de Alba, para que retome o seu estudo. «Imos darlle unha volta entre todos e todas, e os técnicos municipais e autonómicos traballarán para ver como podemos facer. É algo positivo, pois non se pecha definitivamente o tema. Nós sempre argumentamos que esta é unha vía imprescindíbel e cremos que temos a obriga de chegar a un acordo», afirmou o alcalde de Pontevedra.

Doutra banda, a ampliación do polígono do Campiño podería converterse nunha realidade. Segundo o comentado polo rexedor pontevedrés, o presidente da Xunta comprometeuse a estudar o desenvolvemento do plan sectorial de áreas empresariais de Galiza, acordado no 2014, «entendendo que levará o seu tempo e que debido ás parcelas que quedan, que son poucas, deberá xa iniciarse a súa tramitación».

No referido á Xunqueira da Gándara, «estamos filosoficamente de acordo, e vemos que é un espazo natural ocupado por concesións rematadas e hai un ánimo por parte da Xunta para trasladar as dependencias que alí están», indicou Lores. O alcalde sinalou que durante a reunión trasladoúselle a idea de que a Xunta derribará as instalacións e recuperará os terreos, dun xeito semellante a como a Deputación de Pontevedra vén de facer coas antigas localizacións que ocupaba.

Noutro eido, chegouse a un acordo para que a coñecida como estrada vella de Marín, a PO-546, pase a ser de titularidade municipal unha vez remate o proxecto de urbanización e humanización que a consellería está a facer na mesma. Do mesmo xeito, pasarán a ser de dominio local os trazados que van de San Amaro até a redonda de acceso a Montecelo; así como desde a avenida de Médico Ballina até ben o convento de San Bieito, ben o colexio de Lérez -está por determinar-.

O futuro novo hospital de Montecelo tamén foi un dos asuntos tratados durante a xuntanza, se ben a Xunta non mudará os seus plans para executar o aparcadoiro que albisca o proxecto presentado, desbotando a idea do Concello de facelo en superficie. Rueda confirmou que a obra para a creación da cafetería e do aparcadoiro será realizada pola Xunta e logo sacarán a concurso a concesión de ambos os dous espazos.

Así mesmo, sobre a transferencia da Unidade Asistencial de Drogodependencias, o presidente da Xunta comentou que a medida que se vaian xubilando os funcionarios do Concello que actualmente traballan neste lugar, serán substituídos por membros do Sergas. «No momento en que se poida, a UAD pasará a ocupar un espazo dentro do complexo hospitalario», indicou o rexedor.

Cómpre sinalar que o presidente de Xunta amosou o compromiso de realizar algún investimento no referido a instalacións deportivas, chegando mesmo ao 50 % do custo do proxecto. Lores puxo de exemplo posíbel neste eido a construción do pavillón de Monte Porreiro

Por último, o alcalde da Boa Vila subliñou dous temas máis: o dragado da ría, que segundo o comentado polo presidente depende do si ou do non do Ministerio de Fomento á hora de verter os lodos na localización estudada e que se «o Estado dá resposta positiva din que o farían inmediatamente, que teñen seis millóns de euros para executar»; e a rehabilitación de Santa Clara, da que, de novo, Rueda sinalou que «a Xunta non se quedará fóra», mais que están á espera do que queira facer a Deputación.

Rueda recúa e a Xunta estudará a creación da variante de Alba, a ampliación do Campiño e a recuperación da xunqueira da Gándara