A DXT DISPOSTA A ABANDONAR OS TERREOS QUE OCUPA NA XUNQUEIRA
Un paso máis para a plena recuperación da Xunqueira da Gándara
Pontevedra continúa a dar pasos para liberar as construcións existentes na xunqueira da Gándara e renaturalizar os seus terreos. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores informou da comunicación da Secretaría xeral da Dirección xeral de tráfico (DXT) na que confirma a disposición da DXT a abandonar os terreos que ocupa na Xunqueira da Gándara. O alcalde calificou a contestación de “boa nova” por poder dar un chanzo máis na recuperación da Xunqueira da Gándara e anunciou que comezará as conversas coa DXT para ver cales son as súas necesidades para deixar os terreos da Xunqueira.
“O 18 de abril mandamos unha carta a todas as administracións para demandar que se deixen libres as ocupacións que hai na Xunqueira da Gándara” indicaba o alcalde quen desvelou que recentemente “tiven unha reunión coa directora provincial para aclarar o contido da carta e onte chegou un escrito da Dirección xeral de Tráfico, do Organismo autónomo xefatura central de tráfico, no que se acepta a posibilidade de trasladarse da ocupación que ten na xunqueira, que son 6.875 metros cadrados, cunha edificación onde fan exames teóricos e unha parte na que se fan os examenes prácticos”.
Despois da recuperación e rexeneración dos terreos que ocupaba a Deputación, agora a DXT móstrase tamén disposta a liberar os terreos que actualmente ocupa na Xunqueira
“Nesa carta dise que están dispostos a abandoar sempre que por parte do Concello se ofreza uns terreos alternativos onde poidan exercer a súa actividade, que é necesaria e imprescindible”, indicou o alcalde quen adiantou que “a partir de agora imos ter reunións” nas que a DXT plantexará as súas necesidades e o Concello ofrecerá alternativas.