Barro darase cita co ciclismo de montaña na súa Iª BTT Camiños de Barro
Barro, 30 de novembro de 2023. O Concello de Barro prevé acoller a máis de 300 ciclistas de montaña na súa I BTT Camiños de Barro. Unha actividade na que o Goberno municipal leva meses traballando e na que contará coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, O Club Ciclista Ribadumia, a Deputación de Pontevedra, Supermercados Froiz, Barbería Damián e as CMVMC de Barro, Perdecanai e da Portela.
O ruta vai ter o Pazo da Crega como punto de incio e chegada nun percorrido circular de algo máis de 40 kms e 1200 m de desnivel positivo acumulado. O trazado está deseñado para pasar por distintos lugares e parroquias de Barro, mais terá o monte Acibal como principal protagonista. Tamén haberá unha opción máis curta e con menos desnivel para aqueles participantes que non queiran facer a modalidade longa.
Será, no propio Acibal, onde o percorrido garde unha sorpresa cunha cronoescalada de 600 metros no coñecido segmento “Inferno de Perdecanai” e no que se repartirán premios aos deportistas máis rápidos das distintas categorías.
As inscricións, que xa están abertas, débense formalizar a través da páxina da Federación Galega de Ciclismo, onde tamén se pode consultar o regulamento.
O Concelleiro de Deportes, Iván Bello Ferreiro, mostrou o seu agradecemento “a todos os actores implicados e que fan posible que un evento deportivo desta magnitude se poida facer por vez primeira no concello de Barro”, así como tamén quixo “agradecer o traballo do voluntariado que leva semanas traballando no monte limpando e adecuando os camiños”.