O parque de bombeiros de Pontevedra incorpora un novo camión nodriza
Pontevedra, 25 de abril de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde; e do xefe do corpo de bombeiros de Pontevedra, Miguel Estévez; presentou o novo camión nodriza que se incorpora ao parque móbil municipal.
Trátase dun vehículo "cunha potencia extraordinaria", e que supón unha mellora substancial sobre o vehículo ao que substitúe e que chegara ao parque no ano 1996. Este camión nodriza conta cunha capacidade de almacenaxe para 12.000 litros de auga, coa posibilidade de actuar directamente en grandes incendios. O seu prezo de adquisición sitúase prezo dos 420.000 euros.
Tal e como indicou o rexedor, o Concello continúa mellorando o equipamento do corpo de extinción de incendios municipal, a través de elementos punteiros e de última tecnoloxía.
Estévez explicou que este vehículo pode funcionar como "apoio na primeira saída, sempre que se precise un gran subministro de auga, o que o fai ideal para traballar coas outras unidades". "Substitúe a un vehículo que tiña 10.000 litros e conta cunha bomba sobredimensionada para poder funcionar de forma excepcional. É do mellor que hai actualmente".