Panadería Acuña e Concello de Pontevedra unen forzas para a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón coa creación dunha "tri empanada"

Panadería Acuña e Concello de Pontevedra unen forzas para a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón coa creación dunha "tri empanada"

Pontevedra, 10 de abril de 2010. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este venres, 10 de abril, o novo obradoiro da Panadería Acuña, situado no polígono de Barro, co obxectivo de poñer en valor e agradecer a estreita colaboración desta emblemática empresa local cos eventos deportivos da cidade. Durante o encontro, co foco centrado na vindeira Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, anunciouse unha iniciativa gastronómica única deseñada especificamente para a ocasión, en forma de empanada. 

O rexedor destacou durante a súa intervención a importancia do apoio do tecido empresarial local ao deporte. Fernández Lores subliñou a "colaboración das empresas de Pontevedra, e especialmente de Panadería Acuña, coa realización de eventos deportivos", sinalando que as súas achegas son unha "peza fundamental para que a organización dos eventos sexa un éxito" e permitan á cidade seguir atraendo campionatos de nivel nacional e internacional. O alcalde tamén recoñeceu o intenso traballo de Andrés e Jacobo Acuña, actuais directores da marca e continuadores dunha saga familiar con 60 anos de historia que aposta pola artesanía, a calidade e os produtos de proximidade. 

Pola súa banda, Andrés Acuña Blanco, en representación da panadería, agradeceu a visita e desvelou a sorpresa na que están a traballar para a cita mundialista: o lanzamento dunha "tri empanada". Segundo explicou o director, tratarase dunha edición limitada e especial que estará dispoñible unicamente durante a semana na que se celebre o tríatlon. Aínda que a receita é "de momento secreta", Acuña adiantou que estará deseñada "en base a moita proteína para que eses deportistas se recuperen ben" do esforzo da competición. 

Para rematar, Andrés Acuña quixo reivindicar o enorme impacto positivo que este tipo de competicións teñen en toda a contorna. Sinalou que a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón e outros grandes eventos "realzan a cidade, son un escaparate mundial e ao final a hostalaría agradéceo moitísimo", reafirmando o firme compromiso da panadería por seguir sumando forzas co deporte local. 

Panaderías Acuña é unha das marcas da cidade que colaborará coa organización da Gran Final das Series Mundiais de triatlón para que, de novo, sexan un éxito sen paliativos para participantes, visitantes e veciñanza. A Boa Vila volverá ser un escenario de luxo para o triatlón entre os días 23 e 27 de septiembre do 2026, no que será un dos maiores eventos deportivos do Estado.

Panadería Acuña e Concello de Pontevedra unen forzas para a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón coa creación dunha "tri empanada"