O Concello impulsará o comercio local a través das historias da súa xente

O Concello impulsará o comercio local a través das historias da súa xente

Pontevedra, 10 de abril de 2026. O Concello de Pontevedra porá en marcha o vindeiro luns, 13 de abril, a campaña ‘Boa Vila · Boa Compra’, a través da súa web oficial, unha iniciativa que busca dinamizar o comercio de proximidade e reforzar o vínculo entre a cidadanía e os negocios locais a través dunha proposta fresca, participativa e centrada nas persoas.

A campaña percorre a cidade a través de cinco historias reais protagonizadas por comerciantes, veciños, colectivos culturais, deportistas e persoas de distintas idades, convertendo diferentes puntos da vila en escenarios de vida cotiá e identidade compartida.

O obxectivo non é outro que poñer en valor a idea de que mercar no comercio local vai moito máis alá do acto de consumo: implica relación, confianza, trato próximo e a construción dun modelo de cidade máis sostible e humano.

Como parte da campaña, activarase tamén unha acción participativa en redes sociais (Facebook e Instagram @boavilaboacompra) a través dun concurso aberto á cidadanía. A iniciativa consistirá no sorteo de 10 vales de compra de 60 euros cada un, que poderán empregarse en establecementos do comercio local de Pontevedra.

A campaña ‘Boa Vila · Boa Compra’ desenvolverase principalmente en canles dixitais e redes sociais, así como na web oficial do proxecto, onde se recollerán os contidos audiovisuais e as historias protagonistas. Con esta proposta, o Concello de Pontevedra reforza a súa aposta por un modelo de cidade onde o comercio local non só xera economía, senón tamén comunidade, identidade e vida nas rúas.

A concelleira de Promocion económica, Anabel Gulías, lembra que Pontevedra é «unha cidade dinámica, chea de comercios con personalidade de seu, e cunha veciñanza que valora o seu comercio de proximidade, onde merca e socializa». A edil anima a todas as persoas a participar na iniciativa e ver e compartir os contidos que se irán publicando nas canles dixitais.

O Concello impulsará o comercio local a través das historias da súa xente