Pontevedra presenta un programa de Nadal "elegante e divertido" que arranca co acendido de luces o 5 de decembro
Pontevedra, 26 de novembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou o programa de Nadal do concello para este 2025-2026, definindo a celebración como unhas festas que serán “elegantes, pero moi divertidas" para todos os pontevedreses e pontevedresas. O obxectivo é facer da cidade un lugar fermoso, elegante e acolledor para celebrar as festas máis entrañables do ano.
O programa de Nadal dará comezo o día 5 de decembro na praza do Concello co acendido da iluminación. Este acto inaugural contará con "algunha que outra sorpresa”, polo que se anima a toda a veciñanza a achegarse até este espazo para gozar dun intre especial e familiar.
Editáronse un total de 30.000 programas, dos cales 27.000 serán repartidos nas casas, e 3.000 estarán dispoñibles para na Oficina de Turismo municipal.
O alcalde salientou que o programa é "100% pontevedrés", caracterizándose por ser accesible, con identidade propia, compartido, descentralizado e aberto, xa que a maioría das actividades son de balde. Conta ademais coa colaboración e o traballo de numerosas empresas, artistas, asociacións e persoas da cidade.
Lores destacou tres novidades principais respecto a anos anteriores:
- O 9 de decembro terá lugar unha actuación de ballet O Quebranoces no Pazo da Cultura.
- Por primeira vez en moitos anos, a recepción dos Reis Magos realizarase no salón de plenos.
- O 30 de decembro, haberá unha actividade de balde no Teatro Principal coa actuación dos Bolechas.
Doutra banda, as citas clásicas e os espazos habituais, coas súas atraccións, manteranse, incluíndo a pista de xeo en Montero Ríos, o poboado de Nadal na Ferraría, as actividades descentralizadas nos locais sociais e a cabalgata de Reis.
Destacouse a celebración da San Silvestre o 31 de decembro, que é unha das carreiras máis participadas de toda Galiza. Este ano, a San Silvestre sairá de novo desde Montero Ríos. Ademais, está xa activo o programa "Envolve" co obxectivo de que ningunha crianza de Pontevedra quede sen agasallo.
Por último, Lores fixo un chamamento para celebrar un Nadal "responsábel", instando a todos os pontevedreses a ter en conta o comercio local de proximidade para realizar as súas compras e agasallos nos establecementos da cidade.