TRÁTASE DUNHA REIVINDICACIÓN HISTÓRICA DE PONTEVEDRA

As obras para a reforma integral do nó de bombeiros comezarán o 15 de xullo

As primeiras actuacións non traerán cortes ou problemas para o tráfico rodado, mais si será bloqueado o acceso peonil existente baixo a rotonda norte da Ponte das Correntes

As obras para a reforma integral do nó de bombeiros comezarán o 15 de xullo

Pontevedra, 4 de xullo de 2024. As obras para a reforma integral do nó de bombeiros e do acceso norte pola autoestrada AP-9 cara Pontevedra iniciaranse o vindeiro luns, 15 de xullo, tal e como confirmou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, nunha comparecencia de prensa na que adiantou que estes primeiros traballos consistirán nunha serie de actuacións que non derivarán en problemas ou cortes de tráfico. 

O concelleiro pontevedrés explicou que se ben tivo constancia dalgunhas dificultades e dalgúns cambios no proxecto xa adxudicado, estas primeiras actuacións seguirán a folla de ruta que estaba marcada. Porén, estas primeiras actuacións si bloquearán o acceso peonil por baixo da rotonda cara á Xunqueira de Alba. 

“Serán sinalizadas as molestias ou modificacións que haxa. En principio, desde Domingo Fontán van facer unha rampla para poder entrar os camións a toda a zona e facer o recheo que haxa que facer, ao tempo que se curta ese paso por baixo da rotonda. Nalgún momento quedará tamén inutilizado o parque canino, pero non será inmediato”, explicou. 

Doutra banda, Mosquera sinalou que hai “orde directa de Madrid”, trala reunión da semana pasada entre a senadora Carme da Silva co director xeral de Estradas. “A orde indica que as obras hai que empezalas si ou si e así será. Os trámites que restan serán realizados de xeito paralelo”. 

Por último, o edil lembrou que unha vez cheguen os cortes de tráfico, o Concello contará cun plan especial baseado no de plan de obra concreto que o Estado ofreza, situando o punto crítico do mesmo a ruptura que se deberá facer da rotonda norte da Ponte das Correntes. Porén, todo plan de tráfico especial que se deseñe estará atado á información concreta e última que se achegue desde os responsábeis da obra. 

As obras para a reforma integral do nó de bombeiros comezarán o 15 de xullo