PRAZA DA PEDREIRA ÁS 23 H., DO 9 AO 13 DE XULLO
Cinco noites, cinco filmes; a receita clásica do ciclo ‘Cinema e estrelas’ dentro da programación festiva do verán pontevedrés
Pontevedra, 3 de xullo de 2024. A Praza da Pedreira volverá ser a mellor sala de cinema ao aire libre que Pontevedra poida desexar. O emblemático lugar da zona monumental acollerá entre o 9 e o 13 de xullo unha nova edición de ‘Cinema e Estrelas’ o xa clásico ciclo cultural incluído dentro da programación das Festas do Verán.
O Concello de Pontevedra promove a proxección de cinco filmes distintos a través das cinco xornadas de duración que definen este capítulo dentro do mes de xullo. A escolla realizada polo Cineclube Pontevedra volve ser unha escolla diversa e pensada para todos os públicos, onde, de seguro, haberá unha película que esperte interese a cada persoa.
’20.000 especies de abellas’, ‘Yannick’, ‘Falcon Lake’, ‘Robot Dreams’ e ‘Fargo’ conforman esa proposta fílmica, que, como todas as actividades programadas polo Concello de Pontevedra dentro do programa de Festas do Verán, tten acceso libre e de balde.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, participou na presentación do ciclo agradecéndolle o traballo da asociación pontevedresa a Ramón Poza e Olalla Márquez — representantes do Cineclube Pontevedra— xa non só nesta proposta, senón pola actividade que desenvolve ao longo de todo o ano a través dun labor exemplar e colectivo que os eleva como unha das agrupacións máis dinámicas e colaborativas da cidade.