Soutomaior contratará unha persoa como orientadora laboral
Soutomaior, 3 de xullo de 2024. O Concello de Soutomaior incorporará a partir de setembro un orientador ou orientadora laboral ao persoal do Centro de Benestar Integrado de Soutomaior, no que agora mesmo xa prestan servizo o CIM e os Servizos Sociais. O obxectivo do Goberno local coa incorporación deste orientador ou orientadora laboral é axudar aos veciños e veciñas de Soutomaior que o precisen na procura de traballo, así como no asesoramento en diversas cuestións do ámbito laboral, prestando un servizo máis eficiente e próximo á veciñanza do noso concello.
A incorporación do orientador ou orientadora laboral terá lugar grazas a que o Goberno local conseguiu unha subvención da Xunta por valor de 28.000 euros que permitirá a contratación. En concreto, a subvención conseguida polo Goberno local cubrirá dous terzos do investimento necesario para a contratación deste persoal, polo que o Concello de Soutomaior só deberá achegar o terzo restante. Grazas a isto, Soutomaior contará con máis fondos que serán destinados a outras actuacións e á mellora da prestación de servizos aos veciños e veciñas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu o traballo levado a cabo polo equipo de goberno e as funcionarias municipais para conseguir esta subvención. “Un dos principais eixos de traballo do Goberno de Soutomaior é a captación de subvencións que nos permitan levar a cabo actuacións para construír o Soutomaior do futuro e cada vez máis do presente, con medidas que son moi beneficiosas para a nosa veciñanza”.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo valorou positivamente a creación do Centro de Benestar Integrado case un ano despois do seu nacemento. “No seu momento sabíamos que a decisión de crear este Centro era un acerto, e un ano despois os datos e a veciñanza referendan que tiñamos razón. Tanto o CIM como os Servizos Sociais prestan un servizo moito mellor e máis áxil desde que forman parte do Centro de Benestar Integrado. Ademais, as persoas usuarias destes servizos contan con moita máis intimidade e privacidade. É un orgullo para min como alcalde e para o Goberno de Soutomaior adoptar medidas que melloran de maneira tan clara a vida da nosa veciñanza”, concluíu.