Pontevedra, primeira cidade galega recollida no proxecto Litheum da UDC para o estudo da eficiencia enerxética e a súa mellora
O proxecto Litheum é unha aplicación accesíbel a través do navegador que permite realizar estimacións de consumo enerxético e das posíbeis melloras e os seus resultados nas vivendas
Pontevedra, 3 de xullo de 2024. O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, vén de presentar o proxecto Litheum, un proxecto realizado desde a Universidade da Coruña da man do profesor Jorge Rodríguez Álvarez e os alumnos Erick Morales, Natalia Alvaredo, Tirso Varela e Vicente López.
O proxecto ten como obxectivo desenvolver un innovador modelo urbano de demanda de enerxía da edificación integrado nunha plataforma en liña, ao tempo que permite realizar estimacións dos efectos de políticas e plans de eficiencia enerxética nas cidades.
Na práctica, tal como sinalou o concelleiro, “ofrece un modelo de cálculo de demanda enerxética en edificios residenciais, creando mapas interactivos de cidades e de territorios para estimar o aforro enerxético potencial no caso de, por exemplo, facer unha reforma nunha vivenda unifamiliar ou nun edificio”.
O concello de Pontevedra foi o escollido para realizar a súa primeira proba. Na web https://litheum.citic.udc.es/es/ pódese consultar a estimación enerxética de máis de 5.000 edificacións de Pontevedra.
“O grupo de traballo leva ano e medio traballando neste proxecto que ofrece unha ferramenta moi interesante, que lle servirá tanto ao Concello de Pontevedra e aos seus técnicos, como aos propios propietarios das vivendas e comunidades de veciñxs, ou aos técnicos especialistas en reformas de eficiencia enerxética”, explicou Oubiña.
Pola súa banda, Jorge Rodríguez Álvarez lembrou que se ben pode haber ferramentas xa existentes e semellantes, ningunha é igual a Litheum, xa que ofrece un forte elemento interactivo —ao non limitarse a ofrecer unhas cores ou unhas capas de información—, permitindo mudar parámetros e solicitar nova información, ademais de poder accederse a ela a través do explorador de Internet.
O concelleiro Alberto Oubiña quixo destacar que resulta «moi interesante» o uso desta nova ferramenta “que é gratuíta, doada de empregar e totalmente accesíbel”. “Garante cousas positivas para a cidadanía, para as empresas e para a Administración á hora de falarmos de eficiencia enerxética”, finalizou.