Un novo parche na sanidade pública caldense

Manu Fariña-26-02-19- 1-Web
Un novo parche na sanidade pública caldense

Caldas de Reis, 5 de marzo de 2021. A dotación por parte do SERGAS dunha área de fisioterapia en Caldas vén a paliar un agravio histórico por parte do goberno da Xunta, pois hai anos que lle corresponde contar con estes servizos. Pero ao mesmo tempo vén a poñer enriba da mesa a extraordinaria precariedade da Sanidade Pública caldense, que foi discriminada até o punto de ter que ir repartindo servizos sanitarios por outros edificios que nunca foron deseñados para tal fin.

Se ben a dotación de novos servizos sempre é un feito positivo e a celebrar pola veciñanza e polo BNG, neste caso custa entender que se vaian situar nun edificio que nunca foi concibido para o uso sanitario, que na actualidade non reúne as máis mínimas condicións de accesibilidade e, por se fose pouco, construído nuns terreos nos que o actual goberno do Partido Popular á fronte da Xunta rexeitou construír o novo centro de saúde.

Manu Fariña: “O Partido Popular e a Xunta de Galiza deben explicarlle ás veciñas e veciños por que lle negan unha vez máis a Caldas a construción dun novo Centro de Saúde” 

Non é un problema novo. As mulleres de Caldas veñen sufrindo as consecuencias de ter que visitar á matrona nun lugar prácticamente inacceíbel e no que en máis dunha ocasión se viron obrigadas a pedir axuda aos traballadores e traballadoras da Oficina Agraria Comarcal ou dalgún local de hostelaría próximo. Unha situación que cobra especial gravidade por tratarse este dun servizo sanitario ao que deben acudir mulleres en avanzado estado de xestación ou cos carriños dos seus bebés.

A Xunta de Galiza debe deixar a un lado os parches e os remendos na Sanidade Pública Caldense e poñerse mans á obra para contruír dunha vez por todas o novo Centro de Saúde de Caldas, unha vella demanda da sociedade caldense e unha infraestrutura absolutamente necesaria para garantir o dereito á saúde das nosas veciñas e veciños.

Un novo parche na sanidade pública caldense