ANA PONTÓN E LORES PRESENTAN O PROXECTO PARA A REXENERACIÓN DAS RÍAS

A marcha de ENCE é fundamental para recuperación integral da ría

A marcha de ENCE é fundamental para recuperación integral da ría

Pontevedra, 4 de marzo de 2021. A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou hoxe en Pontevedra o Proxecto de rexeneración produtiva das rías por valor de 1.096 M€, incluído dentro do documento Xerar Futuro, Galiza Next, que recolle as propostas do BNG para utilizar os fondos de recuperación europeos para saír da crise e sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas.

“Un proxecto de país que ten por obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, que recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambiental, investigación científica e comercialización e transformación”, explicou.

Recuperar un millón de metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre en Pontevedra

“600.000 metros cadrados de terreo que ocupa ENCE, para os que o Plan de Ordenación do Litoral contempla un area de mellora ambiental e paisaxística, que ten por obxectivo recuperar o espazo vacante unha vez que se leve a cabo o traslado da pasteira a outra localización”, indicou Pontón, como unha das actuacións de rexeneración das rías incluídas no proxecto Galiza Next con cargo aos fondos europeos.

Sumado a outras actuacións, -a rexeneración dos terreos da antiga fábrica de ELNOSA e dos terreos do espazo natural Xunqueira da Gándara-, permitiría recuperar  un millón de metros cadrados de dominio público marítimo terrestre en Pontevedra e dar paso á maior transformación da historia da cidade, despois do proceso de humanización comezado en 1999, indicou a portavoz do BNG.

Neste sentido, Pontón insistiu no traslado, “responsabilidade tanto da pasteira como dos gobernos central e da Xunta”, e instou ao presidente galego a que, por unha vez, se coloque do lado do País.

 

 

A Xunta e o PP bailan ao ritmo que lles marca ENCE

“Que o PP se coloque do lado dos intereses de ENCE non é ningunha novidade, defende o interese dunha empresa do IBEX 35 e non o interese xeral de Pontevedra e de Galiza”, demandou tras lembrar os tempos en que era o propio Feixóo quen reclamaba o traslado, “pero xa vemos que a súa palabra non vale nada”.  Para o BNG a saída de ENCE da ría segue tan vixente coma sempre, máxime tras as recentes declaracións do conselleiro delegado recoñecendo que a factoría supoñía un perigo ambiental.

“O problema non é a Lei de Cambio Climático. Aquí xa se mudou unha Lei que marcaba a data de caducidade da pasteira en Lourizán para favorecer á empresa e agora ENCE busca que a nova lei se faga á súa medida, e iso non se pode permitir; ENCE ten que buscar outra localización. Todas as empresas contaminantes abandonaron as súas ubicacións urbanas”, recalcou Pontón preguntada polos medios. “Hai que poñer en marcha o traslado de ENCE e deixar de chantaxear á cidade de Pontevedra e aos gobernos porque iso nunha democracia non é admisíbel”.

 

 

O Proxecto de rexeneración produtiva das rías aposta pola recuperación integral de todo o litoral para acabar coas perdas no sector marisqueiro, completar e modernizar a rede de saneamento, de tal xeito que todos os concellos a carón das rías deben ter unha depuración integral das augas residuais. Unha esixencia que tamén deben cumprir as industrias, porque se trata de evitar que chegue ao mar ningún tipo de contaminación biolóxica, química o física. 

Nestas actuacións o proxecto incluído no documento Xerar Futuro, Galiza Next recolle un investimento de 950M€.

Promoción e comercialización produto galego

En canto ás actuacións en materia de investigación científica plásmanse en medidas como a creación dun consorcio que coordine todos os centros de investigación relacionados co sector do mar;  proxectos para a recuperación das zonas improdutivas ou de baixo rendemento, plans de explotación, mesmo estudando a implantación de novas especies susceptíbeis de ser comercializadas; e bancos de semente autóctona para moluscos. Todo cun orzamento de 60 M€.

E no ámbito da transformación e comercialización, o Galiza Next inclúe unha sociedade público-privada para a promoción e comercialización do produto galego, con funcións como elaborar unha marca que identifique e poña en valor o produto das rías, controis de mercado que diferencien o produto autóctono do de procedencia foránea e seguimento da cadea de comercialización e promoción.

Tamén propostas de aforro enerxético e de uso de enerxías renovables en todas as instalacións publicas do complexo mar-industria, cun investimento de 29M€, concluíu Pontón no acto de presentación no que tamén participou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou todas as actuacións que se levaron a cabo para mellorar o río e a ría: a recuperación do río Lérez, coa eliminación dos vertidos directos, a creación dunha rede separativa de pluviais e fecais que abarca máis do 95% da poboación, o traslado de TAFISA, o peche de ELNOSA ou o proxecto de recuperación de Mollavao que vai por bo camiño. "O que falta para unha recuperación integral é o traslado, absolutamente imprescindíbel, de ENCE da ría", afirmou o mandatario municipal.

 

 

Os fondos Next Generation, unha oportunidade

“Hai que evitar un puñado de multinacionais se queden cos fondos de recuperación, repetindo os erros da crise de 2008 na que se rescatou a banca” Neste sentido salientou a portavoz do BNG que "os fondos teñen que servir para fortalecer a pequena e mediana empresa galega e non para recortar dereitos nin para repartilos entre catro ou cinco multinacionais". Compre "facer proxectos de país para non perder o tren do futuro, para definir un novo modelo produtivo, coidar o medio ambiente e transformar a nosa economía".

A preguntas dos xornalistas sobre os proxectos anunciados pola Xunta, a portavoz do BNG afirmou que “son expedientes X, non os coñecemos a pesar de telos solicitado no Parlamento de Galiza. Cando alguén oculta algo non é bo sinal. Nós o que si imos facer é vai levar o documento Xerar Futuro, Galiza Next á Comisión parlamentaria de reactivación económica”.

A marcha de ENCE é fundamental para recuperación integral da ría