O BNG pide no Parlamento a mellora da atención sanitaria en Cerdedo
Cerdedo-Cotobade, 1 de marzo de 2021. O BNG, a través do deputado Luís Bará, vén de levar ao Parlamento Galego iniciativas para que dote a Cerdedo dunha atención sanitaria digna, mediante a adopción das seguintes medidas: atención sanitaria presencial, mellora da atención de urxencias, creación do servizo de pediatría e cubrición das baixas para garantir a atención médica todos os días.
A atención sanitaria en Cerdedo vén sufrindo nos últimos tempos un continuo proceso de deterioro, degradación, precarización e supresión de servizos. Debido a que non se cobren as baixas do único médico do centro de saúde, a veciñanza non conta con atención todos os días da semana. Por outra parte, non existe servizo de pediatría e para atender nenos e nenas é preciso desprazarse até Tenorio ou Forcarei. Ademais, coa excusa da pandemia practicamente non hai atención presencial e dáse un abuso da atención telefónica.
A situación de deterioro e de supresión de servizos básicos foi reiteradamente denunciada pola veciñanza de Cerdedo
En contra dos discursos oficiais de promoción dos investimentos e servizos no rural, a realidade é que se reducen continuamente as prestacións en xeral e nun servizo fundamental como é o da saúde. Con este proceder do goberno da Xunta, vivir no rural estase a converter nunha cuestión de vontade decidida e de heroismo, o que explica os procesos de abandono e despoboación que caracterizan a moitos concellos do interior do noso país.
Esta situación de deterioro e de supresión de servizos básicos foi reiteradamente denunciada pola veciñanza de Cerdedo, sen que por parte da Xunta e do Concello se adoptasen as medidas necesarias para corrixila. É por iso que o pasado 26 de febreiro un grupo de veciñas e veciños organizaron unha concentración diante do centro de saúde como mostra de protesta para demandar a atención sanitaria presencial, a presenza de médico/a todos os días e con dedicación exclusiva, un servizo de pediatría e a mellora na atención de urxencias.