O BNG insta á Xunta a dar explicacións sobre as declaracións do conselleiro-delegado de ENCE e a adoptar as medidas necesarias para garantir a protección do medio e a saúde das persoas
Pontevedra, 1 de marzo de 2021. “O BNG considera extremadamente graves as declaracións do conselleiro-delegado de ENCE, nas que alertaba sobre o estado inestábel da caldeira de recuperación da fábrica de Lourizán e a posibilidade de ter un susto medioambiental en calquera momento que podería afectar ás persoas”, afirmou o deputado nacionalista Luís Bará no momento de rexistrar distintas iniciativas parlamentar sobre o particular. Trátase dunhas declaracións de extrema gravidade e que teñen como obxectivo último crear un clima de presión diante do goberno central en relación coa tramitación da lei de cambio climático, pois o conselleiro delegado de ENCE recoñece que tivo até sete reunións co secretario de Estado para forzar o cambio na redacción do artigo 18 do proxecto de lei, actualmente en trámite parlamentario.
As declaracións son extraordinariamente graves por tres motivos:
- Pola alarma que xera sobre o estado das instalacións da fábrica e o risco para o medio e para as persoas.
- Porque das súas palabras dedúcese que non se estivo a executar o investimento previsto no Plan Estratéxico da empresa e no convenio asinado en 2016 co goberno da Xunta.
- Porque poñen de manifesto unha campaña de presións en todos os ámbitos para forzar a permanencia da fábrica na ría de Pontevedra.
Explicacións á cidadanía e ao Parlamento
Para o BNG, dixo Bará, “o goberno galego non pode permanecer impasíbel diante desta grave situación” e instou ao vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, “muñidor dos acordos con ENCE” a dar con urxencias explicacións públicas tanto á cidadanía coma no Parlamento.
O BNG considera que eo goberno galego debe ter unha postura clara de cumprimento estrito da Lei e non colaborar na campaña de presións e chantaxes que está a levar a cabo a pasteira para blindar a súa permanencia en Lourizán, mesmo pasando por riba dos procedementos democráticos e da Lei.
Neste sentido, o BNG insta á Xunta a realizar de maneira urxente unha inspección das instalacións de ENCE en Lourizán que certifique o bo funcionamento da caldeira de recuperación e a ausencia de riscos para as persoas e o medio, así como a adopción das medidas necesarias dentro das súas competencias en relación a ENCE para protexer o medio e a saúde das persoas.
Nas preguntas o deputado nacionalista quere saber:
- Como valora o goberno galego as declaracións do conselleiro delegado de ENCE nas que alerta sobre o estado das instalacións da fábrica de Lourizán e de riscos para o medio e as persoas?
- Que medidas adoptou ou ten previsto adoptar o goberno galego en relación con estas declaracións?
- Se ordenou a Xunta algunha inspección para comprobar o estado das instalacións e a ausencia de riscos para o ambiente e as persoas?
- Se pode garantir a Xunta o bo estado das instalacións de ENCE en Lourizán e a ausencia de riscos para o medio e as persoas?
- Se tiña coñecemento o goberno galego da non execución por partte de ENCE das actuacións previstas no Plan Estratéxico e no acordo asinado coa Xunta?
- Que reunións tiveron lugar para o seguimento deste convenio, quen participou nelas e cal foi o seu contido?
- Se o goberno galego mantivo encontros oa dirección de ENCE en relación coa tramitación da lei de cambio climático?