O BNG leva ao Parlamento que o Clube Mariño A Reiboa manteña as condicións de utilización de uso do pantalán de embarcacións tradicionais
Poio. 26 de febreiro de 2021. O BNG, a través do seu deputado Luís Bará vén de presentar no Parlamento Galego unha serie de iniciativas para que Portos de Galiza manteña as condicións de utilización de uso do pantalán de embarcacións tradicionais no peirao da Chousa, en Combarro, para o Clube Mariño A Reiboa, e que se promova a creación dunha mariña tradicional neste porto.
Estas iniciativas, que recollen os acordos unánimes da corporación de Poio, xurden após unha reunión mantida polo deputado nacionalista co clube mariño A Reiboa e representantes do BNG de Poio.
Extender a exención a toda a rede de mariñas tradicionais de Galiza
O BNG, sinala Luís Bará, demanda “que se manteña a exención ou a bonificación ao 100% das taxas de ocupación do pantalán, de maneira que continúen as condicións que veñen rexendo xa desde o ano 2011”, e que se extenda esta medida a toda a rede de mariñas tradicionais que están en funcionamento ou en proxecto en toda a costa galega.
Bará insta á Xunta a premiar e non penalizar aos clubes mariños encargados de velar pola conservación, recuperación e promoción das embarcacións tradicionais galegas
En palabras de Bará, “a Xunta debe recoñecer o inxente que realiza o clube mariño A Reiboa e, en xeral, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, para a conservación, recuperación e promoción das embarcacións tradicionais”.
O deputado nacionalista citou diversas actividades que desenvolve o clube como “Sentir o Mar” (que achega a vela tradicional a persoas con diversidade funcional), a organización de dúas edicións do “Encontro Galego de Embarcacións Tradicionais (A Reiboa é o único clube que organizou dúas edicións deste encontro) ou a “Concentración de Embarcacións tradicionais que neste ano 2021 celebrará a súa XXV edición.