A nova iluminación ornamental da Carballeira incluirá unha proxección creativa con videomapping no Paseo dos Plátanos

Manuel Fariña na Carballeira
Manuel Fariña na Carballeira
A nova iluminación ornamental da Carballeira incluirá unha proxección creativa con videomapping no Paseo dos Plátanos

A nova iluminación ornamental da Carballeira incluirá unha proxección creativa e inmersiva con videomapping no Paseo dos Plátanos. Así o anunciou o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen explica que as empresas que están a deseñar a futura experiencia de visita e musealización do BIC están a traballar nunha proposta lumínica “singular, atractiva, identitaria e sustentábel” que permitirá mellorar calidade da visita ao BIC en horario nocturno.

Fariña explica que para escoller a tecnoloxía a empregar a UTE ATLANTIC TRIVIUM CALDAS está a ter en conta as características do espazo como un BIC que se vai visitar de maneira masiva, no que se require un equilibrio entre estética, técnica e conservación. 

O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que o deseño da luminotecnia centrarase en catro puntos principais e permitirá realizar un percorrido circular nocturno dende a Avenida Román López

A proposta de luminotecnia inclúe catro ámbitos principais polos que se poderá realizar un percorrido circular nocturno dende a Avenida Román López. O primeiro punto de iluminación ornamental será o estanque-monumento a Laureano Salgado, coa finalidade de crear un ambiente atractivo ao tempo que evocador na zona principal de acceso ao xardín de maneira que se poña tamén en valor o elemento da auga e a historia da vila desde o inicio da visita. 

A ruta proposta continuará a cara a zona de ribeira e o emprazamento no que se vai situar un novo monumento, para dirixirse logo polo paseo cara á araucaria angustifolia do Brasil, continuar ata a cunnighamia lancelota. A iluminación da contorna das especies senlleiras destacará as árbores con máis historia do espazo co fin de poder admirar o seu porte en horario vespertino.

Finalmente, rematarase o percorrido no Paseo dos Plátanos, no que se desenvolverá unha proxección de videmapping que permitirá gozar dun espectáculo que, segundo explica Fariña, creará “un ambiente suxestivo no que as copas das árbores envolven unha atmosfera na que o chan amosa símbolos e elementos icónicos do Xardín e da Carballeira nun xogo de luces cálido e acorde á cromática do espazo creando un “tapiz” no que gozar dunha experiencia inmersiva en horario nocturno”.

Todo este sistema de iluminación ornamental, con criterios de eficiencia enerxética e mitigación de impacto lumínico nas especies protexidas, estará composto por luminarias encastradas, proxectores subacuáticos, un sistema de videoproxección exterior con elementos ancorados en parede e un sistema de control centralizado que permitirá a súa telexestión. 

A renovación da iluminación, explica Fariña, forma parte do proxecto global do ‘Museo Aberto 24/7’, dentro do apartado ‘Ámbito exterior. Enriquecemento da visita’. A proposta pretende complementar  o novo Centro de Recepción de Visitantes e mellorar as condicións para que a visita se poida realizar polas noites.  Unha vez realizada a restauración integral do BIC deseñarase un proxecto de percorrido autoguiado e un evento nocturno exterior.

O proxecto ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7’ conta cunha  subvención de 1,5 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Turismo. A axuda debe pagar oito epígrafes: o deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, a restauración integral do BIC, a monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, a apertura dun centro de visitantes, o deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, a instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, a implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social. 

A nova iluminación ornamental da Carballeira incluirá unha proxección creativa con videomapping no Paseo dos Plátanos