O BNG reclama á Xunta un plan integral para protexer e poñer en valor a arte rupestre de Cerdedo-Cotobade
O deputado Luis Bará, rexistrou no Parlamento galego iniciativas solicitando información e actuacións concretas para a protección, conservación e posta en valor da arte rupestre do concello de Cerdedo Cotobade.
O concello de Cerdedo-Cotobade conta cunha extraordinaria concentración de patrimonio arqueolóxico rupestre, con estacións repartidas por algunhas das parroquias de Cerdedo-Cotobade, entre as que destacan as de Outeiro Lombo da Costa, Fentáns, Viascón, Aguasantas, Pedre, Valongo, Cerdedo, Figueroa, Quireza, Tomonde, Lourido, Carballedo e San Xurxo, así como os castros da Cividá e de Aguasantas.
Segundo sinala o deputado nacionalista, a amplitude e riqueza deste patrimonio “sobarda a capacidade de xestión dun concello, polo que é necesaria a implicación directa da administración autonómica mediante plans territoriais de actuación que garantan a súa protección e permitan o seu aproveitamento social, educativo e turístico”.
Neste sentido, o deputado do BNG considera que Cerdedo-Cotobade debería integrarse nun proxecto territorial arredor da marca Arte Rupestre do Val do Lérez e da ría de Pontevedra, que inclúa tamén os concellos de Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Poio, Pontevedra e Marín.
A través desta iniciativa, Luis Bará pregunta á Xunta cal é a súa valoración sobre o estado actual de conservación e promoción da arte rupestre no concello, que actuacións ten previstas para colaborar coa administración local e se considera de interese desenvolver un proxecto integral de protección, conservación e posta en valor deste conxunto arqueolóxico singular.
“O patrimonio rupestre é un recurso cultural de primeiro nivel que precisa planificación, investimento e visión de país para garantir a súa preservación e difusión”, conclúe o deputado do BNG.