Xa está en marcha a 2ª Tempada do Ciclo de Butaca da BMP

Rolda BMP
Rolda BMP
Xa está en marcha a 2ª Tempada do Ciclo de Butaca da BMP

Continúa a segunda parte da tempada do Ciclo de Butaca, con concertos mensuais  da Banda de Música de Pontevedra no Teatro Principal. Os de febreiro e marzo serán os sábados ás 20.00h e os de abril e maio os domingos ás 12.00h, todos de balde ata completar a cabida do teatro. O edil de Cultura, Demetrio Gómez, convida a todos os veciños e veciñas de Pontevedra a “gozar deste luxo musical que é a Banda de Música de Pontevedra e a súa programación”. 

Cartaz BMP
Cartaz BMP

O músico Víctor Fernández foi o encargado de debullar un programa que dá continuidade ao ciclo. Así, o 28 de febreiro terá lugar ‘Raigame’ onde se interpretarán pezas relacionadas coas raíces musicais galegas. O 21 de marzo o concerto estará dedicado á sétima arte, con pezas de bandas sonoras moi recoñecibles, interesantes para todos os públicos. O 26 de abril terá lugar o concerto ‘Peregrinaxe das danzas’ que contará coa colaboración dun alumno/a do CMUS Manuel Quiroga como solista nunha peza, escollido a través dun concurso organizado polo Conservatorio. Para pechar, o 31 de maio terá lugar ‘Un paseo por Broadway’ coa colaboración da soprano Marina Penas e o barítono Pedro Martínez”. 

Fernández que quixo dar visibilidade ao cartel que “ao igual que o da primeira parte no que debuxou unha goleta, é obra do artista do Grove Carlos Besada, que desta volta debuxou dúas dornas” salientou que “son concertos abertos para todo o público coa idea de chegar ao maior número de xente e de idades. Queremos convidar a todo o mundo porque van gustar moito”. 

28 de febreiro - Sábado ás 20.00 h Raigame. Músicas con identidade 

21 de marzo – Sábado ás 20.00 h Dende a sétima arte 

26 de abril - Domingo ás 12.00 h Peregrinaxe das danzas coa colaboración do Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra 

31 de maio – Domingo ás 12.00 h De paseo por Broadway con Marina Penas (soprano) e Pedro Martínez (barítono). 

Xa está en marcha a 2ª Tempada do Ciclo de Butaca da BMP