PALESTINA, PAÍS CONVIDADO
Un bordado de máis de 1000 puntadas, 40 horas de traballo e 100 metros de fío realizado pola artista Maritza Bertolini ilustrará o cartaz da XXVII edición do Salón ‘Que non pare a música!’
Pontevedra, 3 de febreiro de 2026. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez presentou, acompañado pola ilustradora Maritza Berttolini, o cartaz do Salón 2026, unha peza ilustrada e bordada a man na que a artista mexicana establecida en Pontevedra investiu máis de 40 horas e 100 metros de fío, transformados en máis de 1000 puntadas.
Demetrio Gómez presentou a artista “nacida en México pero residente na nosa cidade hai máis de 6 anos, que representa a esa Pontevedra á que lle gusta que os seus veciños e veciñas veñan doutros países. Ela é un caso destes. Temos un cartaz que recolle moito o espírito do Salón polo obvio dos libros, a música, o feminismo. Tamén, e de xeito menos evidente, que nestes tempos de IA, de creacións que non se sabe quen as fai, gústanos apostar polo que tamén é o Salón: fabricar as cousas coas nosas mans e empregar técnicas tradicionais”.
A artista, que imparte aulas de bordado na cidade e reivindica esta técnica como “un estilo de vida e un xeito de crear comunidade”, debullou o cartel e as diferentes fases creativas: “nunha primeira fase empreguei como punto de partida a música, os libros e Palestina. Busquei facer unha representación gráfica da música con pentagrama, notas, instrumentos. Vemos un libro aberto cun pentagrama debuxado que cobra vida, converténdose nun camiño que leva a un edificio onde habitan os músicos que saen á fiestra a tocar os seus instrumentos. O tellado do edificio é un libro musical. En conxunto a miña intención foi representar a literatura que leva a un mundo de fantasía. “
“Por último, destacar que é un cartaz feito a man, bordado, con máis de 40 horas empregadas, nas que fío e agulla entraron e saíron da tea máis de 1000 veces, empregando máis de 100 metros de fío. Neste mundo onde a era dixital e a IA cobran bastante peso na nosa vida diaria, empregar tanto tempo e darlle cabida á creatividade neste cartaz é algo incríbel. Nun momento no que os tempos de produción deben ser rápidos e inmediatos, isto leva tempo e moita paciencia”, remarcou.