Caldas encherá a vila de cor para empezar o Entroido cun pasarrúas escolar no que participarán máis de 1.000 rapaces e rapazas

Entroido Caldas
Entroido Caldas
Caldas encherá a vila de cor para empezar o Entroido cun pasarrúas escolar no que participarán máis de 1.000 rapaces e rapazas

O Concello de Caldas de Reis vai comezar o seu Entroido de 2026 repetindo unha iniciativa que estreou o ano pasado con grande éxito: un desfile escolar no que participarán arredor de 1.000 rapaces e rapazas de todo o municipio. O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que a intención é potenciar que as e os máis cativos enchan a vila de cor e sexan protagonistas, implicándose nunha celebración que cada vez conta con máis participación. A programación completarase co tradicional desfile-concurso, o baile infantil, o enterro da sardiña e, por primeira vez, cunha gran festa na Tafona organizada por iniciativa privada coa colaboración do Concello. 

Fariña apunta que o pasarrúas escolar será o venres 13 ás once da mañá e nel estarán nenos e nenas dos centros educativos de Infantil e Primaria (CRA de Caldas, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente, CPR Encarnación e San Fermín), así como tamén de Ensino Secundario, que desfilarán vestidos coas súas creatividades saíndo da Prazuela para despois percorrer a Rúa Real, Campo da Torre, Praza Sesto Casal e Rúa Porto do Río con volta á Prazuela. Como broche final haberá unha pequena merenda festiva con doces típicos do Entroido. 

O mesmo venres 13, pero xa pola noite, terá lugar unha das novidades deste ano: a incorporación dunha festa de entroido na Tafona organizada por promotores locais, que cobrarán entrada, e na que haberá DJ, barras e tamén algunhas sorpresas. Segundo subliña o tenente de alcalde, o Concello decidiu colaborar concedendo a autorización e facilitando a loxística ao constatar que a iniciativa ía ter grande asistencia: a capacidade total da carpa será de 1.000 persoas e só nas primeiras horas xa se venderon preto de 800 tiques.

O día central do Entroido será o domingo 15, co desfile central. Repartirase un importe total de 6.190 euros entre 11 categorías, dúas delas, as de carrozas e de mellor animación, acumulables ás nove restantes: grupos–inclúense aquí comparsas, fanfarrias ou murgas-, parellas e individuais – todas elas nas modalidades de persoas adultas e infantil-, e centros educativos e anpas. O xurado valorará a animación, espectacularidade, orixinalidade e música en directo, outorgando tres premios por categoría de entre os 400 e os 50 euros. Os galardóns entregaranse media hora despois de que finalice o desfile, sobre as nove da noite. 

Ao día seguinte, o luns 16, ás cinco da tarde terá lugar a xa tradicional festa infantil, que este ano se trasladará da Praza Sesto Casal á Tafona. Haberá, como xa é habitual, sesión de DJ e tamén espectáculo musical. O broche final do Entroido de Caldas será o Enterro da Sardiña o venres 20, cando ás oito da tarde comezará o velorio co canto de coplas e loas e unha hora máis tarde conducirase o peixe pola rúa coa procesión de loito ata a Ponte da Ferrería, onde se guindará ao río.

Caldas encherá a vila de cor para empezar o Entroido cun pasarrúas escolar no que participarán máis de 1.000 rapaces e rapazas