O Multisport traerá unha chea de música e animación a través dunha programación cultural de primeiro nivel

O Multisport traerá unha chea de música e animación a través dunha programación cultural de primeiro nivel

Pontevedra, 2 de xuño de 2025. O amplo programa de actividades paralelas do que poderán gozar as persoas que se acheguen a Pontevedra os últimos dez días de xuño en coincidencia co Multisport foi presentado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha das tendas deportivas máis senlleiras da cidade, o Miler Vintage Running Club. 

O alcalde amosouse moi satisfeito pola amplitude e variedade da programación “que mostra moi ben a nosa identidade e implica a parte do mundo musical da cidade neste evento que cada vez é máis interesante e máis global”. 

Son 25 puntos de interese entre concertos de distintos formatos, arte, e convocatorias relacionadas coa cultura LGTB como o Orgullo, a Feria Marica ou o Festival de Cinema Ambienta, no Principal. Na véspera do Orgullo, o día 27, actuará Mondra, a estrela queer da nova electrónica galega de raíz. 

Un dos pratos fortes consiste na actuación do pentacampión de Tríatlon, Javier Gómez Noya, que co seu grupo Liorta pechará o ciclo, antes da actuación de Broken Peach, que despedirá o evento até a Gran Final de 2026, que terá lugar tamén en Pontevedra. 

O programa tenta xerar unha mostra do panorama musical da cidade compatíbel co ambiente festivo do evento deportivo, así como servir de apoio a este sector da industria cultural, ampliando así o abano se implicacións cos recursos de proximidade dos que dispón a cidade. 

Ademais da tradicional apertura cun espectáculo de Pablo Méndez Performances após o desfile de bandeiras do venres día 20, o programa incorpora as citas da Bienal Internacional de Arte, en especial a espectacular proxección con música que terá lugar sobre a Peregrina polo artista francés Patrick Warrener o venres, sábado e domingo da primeira fin de semana. 

Tamén haberá concertos de pequeno formato con artistas locais en distintas prazas da cidade e sesións de dj nalgunhas tendas relacionadas co deporte. O programa inclúe así mesmo información sobre a Bienal de Arte, que estará presente en varios recintos culturais da capital e a feira do deporte que se instalará en Montero Ríos e na que se creará un gran ambiente cosmopolita, pois todas as persoas que participan na proba deben pasar por alí a rexistrarse. 

O Multisport traerá unha chea de música e animación a través dunha programación cultural de primeiro nivel