Concello de Pontevedra e Xunta avanzan na liberación dos terreos da Xunqueira da Gándara

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores
Concello de Pontevedra e Xunta avanzan na liberación dos terreos da Xunqueira da Gándara

Pontevedra, 2 de xuño de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta da xuntanza que mantivo co presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, o pasado 19 de maio, após a súa visita institucional á Casa Consistorial. 

O rexedor repasou polo miúdo os distintos acordos e preacordos aos que se chegaron, destacando os avances na liberación dos terreos ocupados pola Xunta na Xunqueira da Gándara, ou na realización de novos investimentos en equipamentos deportivos e de saneamento. 

Tal e como indicou Fernández Lores, estes principios de acordo “son unha moi boa noticia para Pontevedra”. “En principio, aínda que está sen concretar, a Xunta quere asinar un convenio cunha dotación de tres millóns de euros para actuacións en instalacións deportivas e de saneamento. Será o Concello quen decida e priorice estas intervencións. Temos que ver que interesa máis á cidadanía e cales serían os máis doados de executar”. 

Doutra banda, tamén se falou sobre a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), na que se mantén a idea de que a Xunta asuma a súa xestión de xeito integral, feito que non variou e que segue en marcha. A ampliación do polígono industrial do Campiño tamén continúa o seu camiño administrativo. 

O alcalde quixo facer fincapé no paso adiante que se deu durante a reunión á hora de concretar a liberación dos terreos que a Xunta ten na Xunqueira da Gándara. Unha das dúas parcelas, a da área de Infraestruturas, trasladará a súa actividade ao polígono de Barro-Meis; mentres a outra, que acolle os traballos de reparación dos camións de bombeiros do consorcio provincial e mesmo doutros concellos da comarca, deberá ser o Concello quen lle atope unha parcela onde situar esta actividade. 

Tal e como indicou o alcalde, o Concello está a esperar de poder recibir máis información nese sentido, agardando poder contar con máis datos sobre as necesidades e características desa parcela e da nave que deberá acoller. O rexedor explica que a Xunta serán quen se encargue da construción dese equipamento. 

Como parte deste acordo, o Concello asumirá a titularidade de dous treitos de estradas autonómicas. O primeiro iría desde o nó da entrada de Marín até Estribela; e o segundo sitúase na coñecida como estrada de Campo Lameiro, no treito comprendido entre a farmacia da zona de Médico Ballina e a rotonda que conecta co vial inferior a Montecelo, zona que presenta problemas de seguridade viaria e precisa de medidas de calmado do tráfico. 

Lores valorou como positivo o “cambio de actitude da Xunta” nos últimos tempos, lembrando que durante moitos anos a administración autonómica atrancou diversos proxectos de relevancia para o municipio. 

Concello de Pontevedra e Xunta avanzan na liberación dos terreos da Xunqueira da Gándara