Caldas proxecta construír un gran circuíto de motocrós en Rabexe
Caldas, 3 de xuño de 2025. As persoas amantes das motos e a adrenalina poderán gozar dun novo circuíto público de motocrós en Rabexe (San Andrés), nun espazo situado a apenas 1,1 quilómetros do centro urbano de Caldas de Reis. O Concello está a impulsar a instalación, que conta cunha extensión de catro quilómetros de pistas deseñadas coidadosamente e unha área total de 70.000 metros cadrados, coa intención de que se converta nun importante punto de encontro para as e os entusiastas dos deportes de motor.
O Tenente de Alcalde nacionalista, Manuel Fariña, está orgulloso da posta en marcha do circuíto, xa que asegura que “vimos unha oportunidade única para promover un deporte moi practicado que carece de espazos adecuados na nosa comarca”. Subliña que non só beneficiará a deportistas locais, que levaban tempo demandando esta pista, senón que tamén atraerá a visitantes doutras localidades, estimulando a economía local.
Este novo espazo estará especialmente dirixido a motociclistas, mais tamén abrirá as súas portas a ciclistas e incluso a todoterreos e ‘carcross’, ofrecendo así unha plataforma versátil para a práctica de diferentes modalidades deportivas. Estará localizado en Rabexe, na parroquia de San Andrés, nunha zona na que non haberá impacto sonoro nin molestias para a veciñanza.
O deseño do circuíto foi realizado aproveitando os desniveis e a orografía do terreo (con gabias, inclinacións laterais, ramplas en subida e baixada... ), o que promete ofrecer ás e aos usuarios un desafío emocionante. O Concello está a traballar en colaboración con persoas expertas na práctica do motocrós para asegurar un trazado seguro garantindo unha experiencia pracenteira, e xa ten en marcha a tramitación e o acondicionamento do espazo. O investimento municipal inicial roldará os 6.000 euros aproximadamente.
A inauguración do circuíto de motocrós quérese facer canto antes, e prevese que ofreza diversas actividades, competicións e eventos, pensando incluso en acoller probas oficiais de cara a medio prazo. “Estamos comprometidos a crear un espazo que non só sexa un lugar de práctica deportiva a todos os niveis, senón tamén un sitio de encontro onde as veciñas e veciños poidan compartir a súa paixón polas motos e o deporte”, conclúe o Tenente de Alcalde, que subliña a súa intención de que o circuíto de Rabexe se consolide como un referente, cunha grande demanda, xa que se trata do único circuíto público existente na provincia de Pontevedra.
O terreo de Rabexe no que se abrirá o circuíto de motocrós foi xa o pasado mes de decembro o escenario dunha ‘Exhibición Solidaria 4×4’ que organizou o Concello dentro da programación de Nadal.