SUPORÁ UN GRANDE IMPULSO PARA SEGUIR MELLORANDO A CALIDADE DE VIDA

O BNG e o PSOE chegan a un acordo para sacar adiante a modificación de crédito máis elevada da historia de Pontevedra

Miguel Anxo Fdez Lores e o portavoz do PSOE na rolda de prensa da que se anunciou o acordo
Miguel Anxo Fdez Lores e o portavoz do PSOE na rolda de prensa da que se anunciou o acordo
O BNG e o PSOE chegan a un acordo para sacar adiante a modificación de crédito máis elevada da historia de Pontevedra

Pontevedra, 3 de xuño de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores deu conta do acordo entre o grupo municipal do BNG e o grupo do PSOE á hora de pactar unha nova modificación de crédito,m agradecéndolle "o seu traballo ao concelleiro de Facenda, Raimundo González, así como ao resto dos traballadores e traballadoras da área económica do Concello e ao grupo municipal do PSOE pola súa responsabilidade e polas aportacións que fixo a esta modificación de crédito”, indicou o rexedor. 

Trátase da maior modificación de crédito que se acordou nunca, na historia do Concello de Pontevedra, ao situarse nos 28.559.831,84 euros —que se sumarían ao orzamento do ano 2025, chegando aos 127,15 millóns de euros—, o que suporá un “enorme impulso á hora de seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra”. 

Tal e como repasou polo miúdo Fernández Lores na súa comparecencia, o Concello destinará estes cartos a través de cinco grandes partidas diferentes: 

  • Melloras nos espazos públicos :: 11.878.657,51 euros (41,6 %)
  • Amortización de débeda :: 7.716.000 euros (27,1 %)
  • Promoción da cidade e dinamización sociocultural :: 4.207.950 euros (14,8 %) 
  • Mellora de equipamentos e servizos :: 3.173.040,94 euros (11,2 % )
  • Canon da Xunta e Servizos sociais :: 1.584.183,39 euros (5,3 % ) 

O financiamento para esta modificación extráese do remanente líquido de Tesouraría (que aínda non estaría esgotado, restando aínda preto de sete millóns de euros). Tal e como indicou Fernández Lores, a idea inicial e marcada así no calendario e poder aprobar esta modificación no pleno do 23 de xuño. 

Afondando nas distintas actuacións que se atopan conectadas e contempladas nesta modificación de crédito, poderían citarse os seguintes exemplos: 

A rehabilitación estrutural de firmes en todo o Concello, así como os viarios do polígono industrial do Campiño (5.500.000 euros), a urbanización do parque de Ernesto Caballero (3.313.215 euros), as obras de execución do parque da Parda (961.000 euros), expropiacións varias (920.000 euros), posta a punto de xardíns e parques, coma o parque Luís Otero, a UNED, Mollavao e outros (725.000 euros), a amortización total da débeda (7.716.000 euros), financiamento de actividades para dinamización sociocultural (1.270.000 euros), deportes, triatlón e outras subvencións (1.557.500 euros), de promoción económica (680.450 euros), a Sociedade de Turismo (300.000 euros), as actuacións de emerxencia no Pazo da Cultura (543.268 euros), a acometida eléctrica do Gran Montecelo (370.982 euros) ou os novos montacargas do Mercado (171.304 euros), entre moitos outros. 

O BNG e o PSOE chegan a un acordo para sacar adiante a modificación de crédito máis elevada da historia de Pontevedra