Mosquera recrimina a Domínguez que a Deputación reduciu os seus investimentos en Pontevedra en máis dun millón de euros anuais
O voceiro provincial do BNG César Mosquera recriminou a Rafa Domínguez que a Deputación estea a reducir os investimentos provinciais en Pontevedra en máis dun millón de euros anuais desde que el está como vicepresidente. O último exemplo é a baixada da achega provincial para o Mundial de Triatlón, que na pasada edición ascendeu a 500.000 euros e neste ano apenas quedará en 100.000 euros. Ante isto, e dado que o PP xa subiu os fondos destinados a outros concellos no Plan + Provincia, Mosquera solicitou no Pleno que o goberno provincial actualice a asignación para a vila do Lérez co fin de garantir un maior equilibro no reparto.
O nacionalista puxo cifras sobre a mesa e destacou que houbo unha paralización de moitas obras da Deputación en Pontevedra e que o investimento “é moito menor que antes”. Lembrou que o actual goberno do PP mantén sen actualizar a cifra do convenio base –fixada en 2,5 millóns de euros en 2015- a pesares de ter capacidade económica para incrementala. De feito, subliñou que no caso dos concellos pequenos o financiamento provincial si aumentou de maneira “elevada”.
A maiores de ter conxelada a súa achega base, subliñou Mosquera, Pontevedra tampouco está a recibir os fondos extraordinarias dos que se beneficiaba anteriormente cando o BNG estaba no goberno provincial. Destacou que a cantidade variaba entre os 600.000 euros e o 1,5 millóns de euros ao ano para proxectos e iniciativas puntuais.
“Díxose por activa e por pasiva que non queriamos ter ningún privilexio, só queremos ser igual que o resto: se se sube ao resto, que se suba a Pontevedra. Pero subíuselles a todos e a Pontevedra mantívose no mínimo”, reclamou Mosquera, quen apuntou que o Concello de Pontevedra achacou inicialmente a rebaixa da axuda para o Mundial do Triatlón a unha resolución do presidente Luís López. “Enganeime”, recoñeceu o nacionalista, lembrando que o vicepresidente Domínguez dixo esta mesma semana publicamente que toda decisión relativa a Pontevedra “pasaba por el”. Advertiulle, por tanto, que terá que “aterse ás consecuencias” de tomar a decisión de reducir os cartos que chegan á cidade.
Mosquera Lembrou que a edición de 2025 do Triatlón será moito máis cara que a anterior porque inclúe máis modalidades e sinalou que o Concello terá que facerlle fronte case en solitario a pesares de que o goberno provincial do PP se gaba de defender o deporte. “Este vai ser un evento que beneficia a toda a provincia e vostedes reducen a súa achega”, manifestou o voceiro nacionalista, contrariado pola incoherencia do PP.
Ao longo do Pleno, o grupo provincial do Bloque criticou duramente tamén ao goberno provincial por incrementar de maneira “excesiva” o número de subvencións nominativas no canto de repartir as axudas entre asociacións e entidades por medio de bases con criterios obxectivos. O BNG, así mesmo, votou a favor de reducir o IVE nos produtos do mar e de que a Xunta cree na provincia un centro de acollemento para atender mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adición.
Por outra banda, Mosquera cualificou de “francamente feo, feo, feo” que o goberno provincial do PP estea a visitar concellos da provincia sen avisar ás alcaldesas e alcaldes que son de signo contrario, pero si levando consigo a voceiros ‘populares’ nos respectivos municipios “só por facer lío e dar gusto aos seus ‘hoolligans’”. Instou ao PP a que separe a súa actuación de partido das responsabilidades institucionais desterrando “estas prácticas que non teñen sentido”.