Máis de mil persoas reúnense no primeiro Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior

Entrega do galardón Colleiteiro Distinguido Soutomaior 2025
Entrega do galardón Colleiteiro Distinguido Soutomaior 2025
Máis de mil persoas reúnense no primeiro Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior

Soutomaior, 2 de xuño de 2025. Éxito total na primeira edición do Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior, despois de que o certame reunise a máis de mil persoas entre o sábado e o domingo no campo da Festa de San Benito, en Romariz. Unha afluencia que superou todas as previsións de Goberno local e colleiteiros e que puxo de manifesto que o Encontro, moi demandado durante décadas pola veciñanza, “chegou para quedar”, en palabras do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.

Unha primeira edición na que o furancho do Pazo María & Conrado fíxose co galardón ‘Colleiteiro distinguido Soutomaior 2025’, obtido tras unha cata a cegas cun xurado profesional composto por Dominique Roujou de Boubée, asesor en viticultura e enoloxía; Juanjo Figueroa, Presidente da Asociación galega de Sumilleres (AGASU) e tamén de Mercedes González Rodríguez, Presidenta de Vitislucus- Expertos/as en Análise Sensorial e Enoturismo.

O público asistente desfrutou durante toda a fin de semana dos viños de todas as adegas participantes (ata 10), ademais de churrasco, polbo e ostras da zona gastro, ao tempo que polo escenario pasaban os grupos ‘Algo pasa con Mery’ e ‘Desconcerto’.

O alcalde Manu Lourenzo agradeceu “o traballo incansable dos colleiteiros e colleiteiras para permitir que este Encontro, que durante anos só era unha pretensión veciñal, se convertese nunha realidade. Esta é a mellor mostra de que a colaboración e o aliñamento entre o Goberno local e os pequenos produtores, e en xeral co tecido social de Soutomaior, é fundamental para que o noso concello creza e expanda os seus horizontes”.

Neste sentido, Manu Lourenzo sinalou que “esta primeira Edición do Encontro Viño Colleiteiro vai ser a primeira de moitas. No noso concello temos dous produtos gastronómicos dunha calidade excepcional: as ostras e o viño. O labor do Goberno de Soutomaior é potenciar e facer crecer estes dous produtos, xa que iso terá un impacto positivo a nivel económico e de crecemento para o noso concello. Este primeiro Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior é a proba diso e imos seguir traballando neste sentido”.

Máis de mil persoas reúnense no primeiro Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior