TEATRO PRINCIPAL, 14 E 15 DE MARZO
‘As mulleres que opinan son perigosas’ volven as súas orixes, reivindicando o papel fundamental do xornalismo

Pontevedra 19 de febreiro de 2025. As mulleres que opinan volverán ser perigosas no Teatro Principal. Pontevedra continuará sendo unha cidade referente ao acoller o foro ideado polas xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira, que este 2025 celebra a súa oitava edición.
Entre os días 14 e 15 de marzo, e cunha entrada de balde até completar as butacas dispoñíbeis, un total de 15 mulleres pasarán polo escenario dunha cita que recupera o xornalismo no centro da súa temática, reivindicando o seu papel fundamental dentro da sociedade, ao tempo que pon o foco na investigación para publicar casos de violencia sexual ou a información internacional.
Os nomes desta edición amosan carreiras máis que coñecidas e traballos enormemente valorados polo público e a profesión, namentres tamén abre a porta a voces emerxentes dentro do xornalismo, a canteira do futuro da información e da opinión.
Desde a organización, Pedreira e López Varela lembran que este ano chegarase a cifra das 100 profesionais da comunicación que xa pasaron por este foro, e que desde o 2018 contan as súas experiencias, os seus fitos, retos e vivencias en Pontevedra, convertendo ‘As mulleres que opinan son perigosas’ nunha referencia.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo encomiar o labor de Diana López Varela e de Susana Pedreira, como ideólogas e coordinadoras desta cita. Tamén agradeceulle á Deputación de Pontevedra o seu apoio á hora de cofinanciar unha proposta pioneira no Estado e no país, e que a día de hoxe se sitúa como o mellor e máis importante foro da súa clase e polo que xa pasaron lendas da comunicación e do xornalismo.
O rexedor da cidade lembrou que non é posible que o xornalismo, en especial as seccións de opinión, continúe sen ser un reflexo do que é a sociedade, onde máis da metade da poboación é feminina, porcentaxe que rara vez se albisca nas sinaturas dos artigos de opinión nas páxinas dos xornais.