24 E 25 DE OUTUBRO
As Mulleres que opinan son perigosas: cen relatoras, cen razóns para celebrar
ontevedra, 13 de outubro de 2025. As mulleres que opinan son perigosas está de celebración. Ten cen razóns para estar de festa, unha por cada unha das cen relatoras que pasaron polo escenario do Teatro Principal desde o inicio deste foro de análise e debate, nado no 2018 froito da indignación de dúas xornalistas locais -Diana López e Susana Pedreira- e da man do Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra, ao constatar a escasa presenza de mulleres nas páxinas de opinión dos medios de comunicación galegos e estatais.
Nas súas oito primeiras edicións acadouse a cifra de cen relatoras, de cen profesionais que subiron ao escenario do Teatro Principal co fin reflexionar e analizar a situación das mulleres no xornalismo, os retos e atrancos que sofren pola súa condición de muller, os estereotipos que aínda pesan nas súas carreiras, onde estaban e onde están; para falar da necesidade de ollar o mundo e contalo cunha mirada feminista; para compartir un espazo de diálogo, intercambio de experiencias e confidencias no que as mulleres -xornalistas ou non- atópanse seguras e libres para cuestionar, dubidar e afirmar.
No vestíbulo do Teatro Principal presentouse o programa da celebración Cen Mulleres que Opinan, que inclúe: unha conversa arredor dun libro-diario con textos sobre as cen primeiras relatoras do foro e ilustracións de Bea Gregores; a estrea dun documental sobre o foro e un diálogo- espectáculo - Señoras e señoras- protagonizado por María Guerra e Mariola Cubells. Aí estaban Diana López e Susana Pedreira arroupadas entre outros, pola concelleira de Igualdade, Anabel Gulías e o vicepresidente provincial, Rafael Domínguez. As xornalistas amosaron a súa satisfacción polo camiño percorrido por Mulleres que opinan... e auguráronlle unha longa vida por diante.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, quixo pór o foco no público de Mulleres que opinan..., un auditorio aberto a escoitar e a participar, tecedor de lazos de empatía e sororidade que alicerzan unha crecente comunidade de mulleres libres e con criterio, unha comunidade de mulleres perigosas.
“Os nomes e apelidos máis importantes, desde o meu punto de vista, son os das persoas que acompañaron o nacemento do foro, medraron con el e están todos os anos no Teatro Principal e no Museo. Esas persoas -mulleres e homes- son as verdadeiras protagonistas deste centenario, porque todas elas contribuíron a crear un espazo novo, de reflexión; un espazo onde se escoitan ás mulleres, onde podemos opinar, definir o noso feminismo (estridente, non estridente...) e facer o que queiramos con el; onde podemos, incluso, enfrontamos as nosas contradicións... e facémolo neste espazo, que é un espazo libre”, sinalou Anabel Gulías.
A concelleira de Igualdade quixo lembrar con nomes e apelidos “a mulleres como Isaura Abelairas Rodríguez, Sandra Bastos Míguez e agora Paula Bouzós Barros e Yoya Blanco Rial e a todas as mulleres que decidiron que, cando nun foro se exclúe ás mulleres, non se lles quere escoitar, é necesario que dende as institucións contribuamos a corrixir esta eiva e refírome a Carme Fouces Díaz e a Carmela Silva Rego, sen elas habería institucións que pasarían de puntillas por cuestións como esta ou seguirían facendo negacionismo do feminismo e a violencia machista, e iso tamén ten nome e apelidos”.
Programa da celebración Cen Mulleres que opinan:
• Venres 24 de outubro. Teatro Principal.
20.00 horas. Apertura e benvida cunha breve intervención compartida polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López coas representantes do Concello de Pontevedra a Deputación Provincial
20.15 horas. Señoras e señoras. Espectáculo feminista creado e interpretado polas xornalistas María Guerra e Mariola Cubells, que fai un repaso cheo de humor da vida da xeración de mulleres nacidas na década dos anos 60 do século XX, pioneiras en poder elixir (maternidade, matrimonio, soidade...) e que sobreviviron á experiencia e mesmo abriron camiños de futuro. Guerra e Cubells participaron no foro As Mulleres que opinan... nas edicións dos anos 2023 e 2024, respectivamente.
• Sábado 25 de outubro. Museo de Pontevedra (Edificio Castelao)
12.00 horas. Benvida institucional
12.15 horas. Presentación do libro (con ilustracións de Bea Gregores) e o documental Cen Mulleres que opinan.., guiada por Susana Pedreira e Diana Varela
Á conversa-presentación irán incorporándose catro relatoras do foro: as xornalistas Olga Viza, Marta García Aller, María Varela e María Hermida
13.00 horas. Proxección do documental: Cen Mulleres que opinan, que pon o foco no público e as experiencias compartidas no Teatro Principal (público e relatoras)