SÁBADO 18 DE OUTUBRO. GALERÍAS OLIVA

O Concello de Pontevedra impulsa unha nova edición de Rizando Rizo para dinamizar o sector da imaxe persoal

Anabel
Anabel
O Concello de Pontevedra impulsa unha nova edición de Rizando Rizo para dinamizar o sector da imaxe persoal

Pontevedra, 14 de outubro de 2025. O Concello de Pontevedra organiza e patrocina o agardado encontro de perruquería e beleza Rizando Rizo, unha xornada adicada ao sector da estética e a imaxe persoal que terá lugar este sábado, 18 de outubro de 16.30 a 21.00 horas nas Galerías Oliva. 

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, salientou que esta actividade “leva anos poñendo en valor o traballo das persoas profesionais da imaxe persoal e xa é un encontro moi querido en Pontevedra”. Ao mesmo tempo, “serve para revitalizar un espazo emblemático como o son as Galerías Oliva” onde máis dunha decena de expositores ofrecerán demostracións en directo e servizos como peiteados, maquillaxe, manicuras e tratamentos de balde ou por un máximo de 7 euros. 

Máis dunha decena de profesionais amosarán as súas especialidades de balde ou por un prezo máximo de 7 euros e tamén ofrecerán servizos para as crianzas

Amais de establecementos recoñecidos de Pontevedra, estará presente o alumnado de Estética integral e benestar do IES Frei Martín Sarmiento con traballos como esmaltado e decoración e uñas e máis barbeado. Lembran ás persoas que desexen probar estes servizos que é preciso levar o cabelo previamente lavado ou limpo. 

O encontro contará tamén con faladoiros entre profesionais e obradoiros. Ás 18.30 gravarase en directo a entrevista “A perruquería onte e hoxe” con posterior entrega de recoñecementos a varias persoas profesionais de ampla traxectoria. Ademais, haberá un concerto do grupo The Soul Rivers ás 19.30 horas que porá a nota musical á xornada. Para as crianzas, ofreceranse distintos obradoiros exprés, murais participativos, e xogos. 

En paralelo, Rizando Rizo segue cun sorteo de 15 vales de 60 euros en activo a través do Instagram @rizandopontevedrate ata o venres 17 de outubro inclusive e que se resolverá o sábado. Tamén durante o evento deste sábado se celebrará un sorteo en directo de 5 vales adicionais, tamén de 60 euros, entre as persoas asistentes que participen etiquetando a conta oficial. 

O Concello de Pontevedra impulsa unha nova edición de Rizando Rizo para dinamizar o sector da imaxe persoal