Monte Porreiro despídese do seu vello pavillón e avanza nunhas obras que marcarán un antes e un despois para o barrio

Demolición antigo pavillón de Monte Porreiro
Demolición antigo pavillón de Monte Porreiro
Monte Porreiro despídese do seu vello pavillón e avanza nunhas obras que marcarán un antes e un despois para o barrio

As obras para a creacionista do novo pavillón de Monte Porreiro xa mudaron por completo a estética da zona. O vello pavillón, presente até o de agora, xa é historia, e toda a estrutura do vello edificio está xa retirada, dando paso a un enorme solar que o día de mañá será transformado na praza máis grande do barrio.

O novo pavillón, deseñado polo estudio pontevedrés Uña+Amandi e adxudicado á empresa local Construcciones Ramírez S.L., será un edificio semisoterrado de vangarda e con accesibilidade universal. Esta singularidade arquitectónica favorecerá un deseño bioclimático que garantirá unha maior estabilidade térmica, facilitando un mantemento de alta calidade cun menor gasto enerxético. O interior do edificio contará con dúas alturas, albergando na planta baixa unha pista deportiva de 1.250 metros cadrados, ximnasio e vestiarios, mentres que no nivel superior situaranse as gradas e a área administrativa.

Máis alá do propio equipamento deportivo, a intervención xerará un enorme impacto no espazo público para toda a comunidade. Sobre a cuberta do pavillón crearase unha nova praza pública de aproximadamente 5.000 metros cadrados. Este novo punto de encontro contará cunha cuberta axardinada e disporá dunha gran pérgola de entre 700 e 800 metros cadrados de superficie. Esta estrutura albergará paneis solares para o autoconsumo da instalación e ofrecerá protección contra a choiva e sombra nos días de calor, permitindo o desenvolvemento de actividades ao aire libre os 365 días do ano.

O financiamento destas actuacións enmárcase na inxección dos fondos europeos FEDER a través da estratexia EDIL —que suporán un investimento global de máis de 10 millóns de euros no barrio—, complementados con fondos propios do Concello e un protocolo asinado coa Xunta de Galicia que prevé unha achega de 2 millóns de euros para esta infraestrutura.

Monte Porreiro despídese do seu vello pavillón e avanza nunhas obras que marcarán un antes e un despois para o barrio