‘De Eva a Maruxa’ conclúe o seu percorrido polos centros de ensino tras sete meses achegándolle ao alumnado a arte con perspectiva feminista

Eva Maruxa
Eva Maruxa
‘De Eva a Maruxa’ conclúe o seu percorrido polos centros de ensino tras sete meses achegándolle ao alumnado a arte con perspectiva feminista

Pontevedra, 4 de maio de 2026. A mostra “De Eva a Maruxa” –que lle achegou ao alumnado pontevedrés a arte desde unha perspectiva feminista— conclúe a súa ruta itinerante logo de sete meses percorrendo todos os institutos do municipio pontevedrés. 

En total foron nove meses de exposición, exposición que iniciou a sua andaina o 17 de xuño de 2025 no Mercado Municipal onde estivo ata o o 15 de setembro, data na que foi trasladada ao primeiro dos centros: o CIFP Montecelo, que foi o encargado do seu deseño e a súa produción. 

A mostra, auspiciada polo Consello Municipal da Muller Nova do Concello de Pontevedra, foi realizada integramente, tamén nos contidos, por alumnado e profesorado de centros de secundaria (CIFP, IES e CPR) do municipio, aos que se sumou a única Escola de Banda Deseñada existente na Galiza, O Garaxe Hermético. 

Rematado o traslado, cada centro ficou cos paneis e xogos que realizou o seu alumnado, agás Montecelo que cedeu os seus ao CIFP Carlos Oroza, que se ocupou de elaborar os petiscos da inauguración, tamén con deseños inspirados na mostra. Moitos dos centros aproveitaron a estadía de “De Eva a Maruxa” para elaborar novos contidos relacionados coa temática. 

Por exemplo, o IES Sánchez Cantón modificou algúns cadros para que os homes adoptasen o papel historicamente dado ás mulleres, A Xunqueira 1 realizou un artístico retrato de Maruxa Mallo, A Xunqueira 2 novas interpretacións de cadros de pintoras contemporáneas galegas, que fora a temática que abordaran no seu día; ou o Sagrado Corazón de Praceres, que creou un museo virtual coas mulleres como protagonistas, ben por ser autoras ou ben por saír retratadas nos cadros expostos. 

Os contidos 

O percorrido que realiza pola historia da arte “De Eva a Maruxa”, da que agora contén unha copia cada centro, iníciase cunha reflexión realizada polo CPR Sagrado Corazón de Praceres sobre a invisibilidade da muller, que se acompaña cunha liña do tempo que reflicte como a súa presenza neste ámbito foi evolucionando ao longo da historia. 

A partir de aí, a primeira parte da exposición pon o foco na muller “retratada” con paneis sobre a visión dela na arte relixiosa, que elaborou o IES A Xunqueira I, os roles das mulleres nas obras, que foi o ámbito de traballo do IES Sánchez Cantón, e o tratamento do corpo da muller, que foi estudado polo IES Valle Inclán. 

A segunda parte céntrase nas mulleres suxeito, é dicir, nas artistas. Hai paneis de autoras galegas, tanto as pioneiras que rescatou o CIFP Montecelo, como as contemporáneas que son homenaxeadas polo IES A Xunqueira 2. O IES A Xunqueira 2 homenaxeou a obra de artistas galegas contemporáneas e o IES Torrente Ballester investigou artistas europeas, mentres que as de fóra de Europa foron estudadas polo IES Luís Seoane. 

Doutra banda, o alumnado do IES Frei Martín Sarmiento encargouse de homenaxear as fotógrafas, e O Garaxe Hermético da biografía e algúns dos traballos máis icónicos das ilustradoras galegas Emma Ríos e Lucía Cid. E, por último, o alumnado de Promoción da Igualdade de Xénero (PIX) do CIFP A Xunqueira visibilizou esas creadoras e colectivos que a través de murais ou performances feministas foron reivindicando o dereito das mulleres artistas a ocupar o espazo. 

‘De Eva a Maruxa’ conclúe o seu percorrido polos centros de ensino tras sete meses achegándolle ao alumnado a arte con perspectiva feminista