Manuel Fariña, arroupado unanimemente pola asemblea local do BNG, aspira a convertese no próximo alcalde de Caldas
Caldas de Reis, 1 de febreiro de 2023. “Aspiramos a todo”, afirmou o recén eleito candidato do BNG á alcaldía de Caldas, Manuel Fariña. “Pálpase no ambiente un desexo de cambio, de rematar coas rutinas, a ineficacia e a falta de proxecto do PSOE de Juan Manuel Rey”
“Estes últimos catro anos foron catro anos perdidos, sen pulsión, sen iniciativa, sen gañas por transformar o noso concello e sentar as bases para o seu desenvolvemento. Temos problemas crónicos, mais o alcalde e o seu grupo miran sempre para outro lado, en vez enfrontar estes problemas e poñerse a traballar para buscarlle solucións”, afirmou o candidato nacionalista.
É mais, cando puido facelo, o PSOE apoiouse no PP para seguir coa mesma política paralizante caracteriza á acción de goberno de Juan Manuel Rey e o seu equipo. Neste sentido, Fariña lembra que no ano 2020, o PSOE e o BNG chegamos a un acordo para aprobar os orzamentos municipais, uns acordos que “supoñían un xiro radical na política municipal levada a cabo até o de entón. Foron 10 puntos que, na súa maioría e desde o minuto 1, o PSOE empeñouse en incumprir”.
Manuel Fariña: “Levamos xa demasiados anos de parálise e desleixo, Caldas precisa con urxencia un revulsivo que a volva a poñer no mapa”
No BNG consideramos que é imprescindíbel ter unha actitude máis proactiva, traballar para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas naqueles aspectos de competencia municipal, mais tamén insistir con enerxía e determinación ás restantes administracións, en concreto á Xunta de Galiza pola situación da sanidade pública e pola situación do río, e á administración estatal polos gravísimos problemas de mobilidade e seguranza viaria das súas estradas ao seu paso polo centro de Caldas. “A calada nunca pode ser a resposta”, afirmou Fariña.
No BNG estamos convencidas e convencidos que un cambio de rumbo que saque a Caldas da súa atonía non só é posíbel, senó que é necesario e urxente. “Nós estamos preparados para pilotar este cambio, porque temos proxecto e temos un equipo humano excepcional, con capacidade de traballo e un compromiso inquebrantábel cos caldenses e caldensas”, afirmou o alcaldábel, Manuel Fariña.