O BNG insta á Xunta a que non aprobe os proxectos eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas por tratarse dun caso evidente de fragmentación fraudulenta
Cerdedo-Cotobade, 31 de xaneiro de 2023. O BNG vén de presentar unha proposición non de lei no Parlamento Galego na que se insta á Xunta a non aprobar os proxectos eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas, promovidos por Naturgy, por “tratarse dun evidente caso de fragmentación fraudulenta”, en palabras do deputado nacionalista Luís Bará.
O BNG quere, ademais, que se revise a declaración de impacto ambiental destes parques eólicos analizando todos os impactos sinérxicos e acumulativos dos dous proxectos, avaliando correctamente o conxunto da documentación presentada, corrixindo todos os erros e utilizando criterios acordes cos empregados noutras DIA, así como encargar un informe independente sobre o impacto dos parques Porto Vidros e Campo das Rosas en hábitats protexidos, con referencia específica á incidencia no ecosistema do cabalo salvaxe e na celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo.
Bará lembrou que Xunta deu luz verde ambiental á tramitación de 8 polígonos industriais eólicos promovidos por Naturgy, que suman 210 MW, e nos que se inclúen os de Porto Vidros e Campo das Rosas que afectan á territorio e á veciñanza de Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Campo Lameiro.
Para o deputado nacionalista, estes non son proxectos de transición enerxética, senón que responden “unicamente á voracidade das empresas e á súa ansia de facer negocio sacrificando o noso territorio”.
Debido á acumulación de proxectos, ás dimensións dos aeroxeradores e á ubicación nos arredores dos núcleos, teñen un impacto elevado na paisaxe , no valor das terras, nas actividades propias do territorio e na saúde das persoas.
Luís Bará: “as declaracións de impacto ambiental favorábeis son absolutamente arbitrarias e cheas de erros e irregularidades”
Luís Bará pon de relevo que o propio contido da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) pon de relevo os impactos en hábitats protexidos, incluído o “hábitat prioritario das breixeiras húmidas atlánticas, que é fundamental na regulación do ciclo hidrolóxico, na preservación da biodiversidade e na loita contra o cambio climático”. Tamén se rexistran outros ecosistemas considerados de interese comunitario (caracterizados erroneamente como non prioritarios na DIA) como breixeiras secas europeas e breixeiras oromediterraneas, e faise referencia a humidais e brañas que deberían ser protexidas. Para o deputado nacionalista, “A destrución, degradación ou alteración destes hábitats coas obras de construción do parque podería constituír un grave atentado ambiental”, ademais de vulnerar a directiva comunitaria que protexe estes espazos.
Por se fose pouco, a zona na que se pretenden implantar estes polígonos industriais eólicos está inzada de bens patrimoniais, moitos deles descoñecidos até fai pouco tempo e que na súa maior parte foron descubertos e catalogados polo labor do colectivo Capitán Gosende, polo que suporía un atentado contra o patrimonio cultural que se pretenda implantar un parque eólico enriba dunha área de tal riqueza arqueolóxica.
A Declaración de Impacto Ambiental tamén salienta o impacto visual e paisaxístico dos proxectos e propón medidas tan curiosas para mitigalo como a “plantación de pantallas vexetais por parte da veciñanza”.
Bará fai fincapé tamén en que o proxecto Campo das Rosas e, en menor medida, o de Porto Vidros, “incide negativamente no hábitat dos cabalos salvaxes e na rota de baixada das bestas e, polo tanto, nunha festa declarada de Interese Turístico Internacional como é a Rapa ds Bestas de Sabucedo”. Todo isto a pesar dun primeiro informe da Axencia de Turismo de Galiza que facía referencia a un “impacto global significativo tanto na fase de construción como na de explotación”.
En palabras do deputado nacionalista, “as declaracións de impacto ambiental favorábeis son absolutamente arbitrarias e cheas de erros e irregularidades”, entre as destacan que os informes sexan sobre as versións iniciais dos proxectos e non se tivesen en conta as modificacións que sofreron, ou que existan “evidentes contradicións nos criterios empregados nestas e noutras DIA, no referente á protección de especies ameazadas ou na conservación de construcións en pedr sseca, declaradas patrimonio cultural da humanidade.”Estas afeccións, que noutros casos foron argumentos para emitir Declaracións de Impacto Ambiental desfavorábeis, neste caso son obviados ou minimizados”, denunciou Bará.
Por último, Bará afirmou que “estamos diante dunha fragmentación de libro, coa tramitación por separado de dous proxectos da mesma empresa que comparten ubestación e liña de evacuación”.
Reunión coa veciñanza en Pedre
Todas estas argumentacións que fan parte da proposición non de lei presentada no Parlamento, expusoas o deputado nacionalista nun encontro con veciños e veciñas de Pedre, no que estivo acompañado polo portavoz do BNG e candidato á alcaldía, Ernesto Filgueira.
Filgueira, lembrou que “en Cerdedo-Cotobade estamos ameazados por unha multitude de proxectos eólicos, e os veciños e veciñas non imos quedar calados ante tamaña agresión ao noso territorio, ao noso medio ambiente e á nosa calidade de vida”.