Máis de 4.000 escolares participan en Pontevedra nos obradoiros de prevención de condutas adictivas
A incorporación da educación emocional e resolución de conflitos aos talleres con entidade propia é unha petición dos centros educativos que detectan entre o alumnado problemas de auto-estima, de incapacidade para explicar como senten ou para afrontar os retos da adolescencia. Unha situación agravada por un uso indebido das TIC, que acrecenta inseguridades nunha etapa vital de formación e procura de referentes e que poden converterse en instrumento de acoso, malos tratos e xerar comportamentos a-sociais ou disruptivos.
Os talleres de prevención de condutas adictivas van dirixidos a alumnas e alumnos de 5 e 6 de Primaria, de 1 a 4 de ESO e FP e están impartidos por un equipo de carácter multidisciplinar (traballadora social, educadora social, psicóloga...) que adapta os contidos e dinámicas das sesións á idade do alumnado receptor. Neste curso académico 2023-2024 participan un total de 29 centros educativos: 14 colexios e 10 institutos públicos e 5 centros privados que imparten ao tempo Primaria e Secundaria.
“Creemos que esta é a poboación diana porque se queremos previr futuras condutas que poidan ser preocupantes, hai que actuar desde a base, tanto na educación Secundaria como Primaria” sinala a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías. “O importante é darlle ao alumnado unha formación e información veraz que lles axude a elixir o camiño polo que van a transitar os vindeiros anos da vida” engade a concelleira.
Gulías pon en valor “o amplo abano de temáticas tratadas nestes obradoiros de prevención de condutas adictivas, que van desde a resolución de conflitos aos modelos aspiracionais, desde o uso e abuso das novas tecnoloxías ata a sexualidade e afectividade” así como a continua actualización dos contidos.
Os obradoiros
Nos centros de Primaria impártense dúas sesións de 100 minutos cada unha por aula. Nelas abórdanse temas como habilidades sociais, comunicación e resolución de conflitos; Intelixencia emocional. Auto-concepto e auto-estima; Relacións grupais e presión de grupo (uso das TIC) e Afectividade.
Para os estudantes de Secundaria os obradoiros articúlanse en seis sesións de 50 minutos, coincidentes con horas de titoría. As temáticas abordadas son: Auto-estima e construción de identidade, Adicións sen substancia: TIC, redes sociais, videoxogos, xogos en liña..., Os perigos da internet, Consumo de substancias adictivas (alcol, cannabis, marihuana...), sexualidade, xénero e diversidade; Educación emocional: ferramentas para facer fronte aos retos da adolescencia.
Unha enquisa entre os alumnos e alumnas que valora o contido e desenvolvemento da actividade e recolle suxestións pon o ramo á actividade. Unhas opinións que permiten ao equipo multidisciplinar que organiza e imparte as sesións corrixir posibles disfuncións, pulsar os temas de interese dos adolescentes e detectar tendencias que sexan susceptibles de accións de prevención na seguinte edición.
Os máis dos dez colexios e institutos que participan nos talleres de prevención de condutas adictivas que impulsa a Concellaría de Benestar Social inclúen esta actividade no seu deseño curricular, o que avala o seu interese e calidade educativa. “Seguiremos traballando nesta liña, en previr hábitos inadecuados e sobre todo en que as alumnas e os alumnos teñan información para elixir o que queren”, apunta a concelleira Anabel Gulías.
Estes obradoiros escolares non son unha intervención illada, enmárcase no Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas que inclúe tamén outras iniciativas como as Escolas de Familia ou o programa Prevención a través do cinema.