A 20 edición de "Jazz no Principal, segue a afondar e unir artistas profesionais con novos valores musicais
Pontevedra, 27 de marzo de 2024. “Jazz no Principal”, promovido polo Seminario Permanente de Jazz coa colaboración do Concello de Pontevedra, chega á súa vixésima edición consolidada como unha cita referente á hora de mesturar a idea da música ao vivo, a profesionalización, o talento emerxente e a formación aberta a toda a cidade.
“Toca presentar algo que é especialmente gratificante para este Concello: un ciclo clásico, un ciclo que representa moi ben o espírito da Boa Vila, ese xeito de entender a cultura e a música, crear novas sinerxías e aproveitar as potencialidades que temos nesta cidade”, indicou Eva Vilaverde na presentación desta nova edición. “Jazz no Principal é un ciclo único que compaxina concertos con músicos consagrados co acompañamento do alumnado que se forma no SPJ e que permite xerar concertos non só espectaculares, senón únicos”.
A tenente de alcalde quixo, máis unha vez, poñer en valor o traballo do SPJ na cidade como “unha constante na Boa Vila”, que xera unha «experiencia única no país que funciona como a principal canteira deste xénero musical no país e de novos valores. Estamos realmente orgullosas do seu traballo”.
Así, o sábado 6 de abril actuará Joan Terol e a banda de acompañamento do SPJ, conformada por Alberto Rodríguez, Javier Abraldes, Daniel Corral e Paco Charlín. Doutra banda, o 20 de abril, será a quenda de Gorka Benítez, acompañado por Helena Pardo, Luis Felipe Fernández, Fernando Blanco, Mauro Tissone, Jorge Ruiloba, Lolo Martínez e Alberto López.
Os dous concertos teñen unha entrada semi-simbólica de tres euros e comezarán ás 21 horas no Teatro Principal. Poden ser adquiridas en www.ataquilla.com.
Haberá, ademais, dous obradoiros na mesma xornada que os concertos, ofrecidos por Terol e Benítez, no antigo conservatorio e sede do SPJ, cunha entrada libre para todo aquel que queira acudir, entre as 11.00 e as 14.00 horas. Entregarase un diploma acreditativo a todos os asistentes.